A exposición Sempre Máis recupera a creatividade vencellada ao Prestige

O Auditorio de Galicia acolle esta proposta ata o vindeiro 21 de maio

23/1/2023 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: sociedademedioartehistoria
2 lecturas | Compartido 0 veces

Este 24 de xaneiro abre as súas portas no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela Sempre Máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige. Esta exposición, producida pola Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra co apoio do propio Auditorio, pretende "volver sobre a memoria, a creatividade e as protestas que acompañaron o afundimento do Prestige para reflexionar sobre a necesidade hoxe de seguir xuntando a defensa da democracia e a da ecoloxía".
Comisariado por Germán Labrador, o proxecto amosa máis de 150 pezas entre "pancartas, carteis de protesta, fotografías, obxectos intervidos, pinturas ou vídeos ás que se suma material documental". Entre o material exposto, pezas históricas inéditas conviven con outras realizadas de xeito específico para a mostra a recrear parte da iconografía da protesta do Nunca Máis que xa estaba perdida.

Este material artéllase en cinco eixes, un primeiro a analizar "a construción dunha conciencia ecolóxica a partir da memoria das loitas veciñais e ambientais desde os anos setenta", mentres o segundo "interrógase pola relación entre pacifismo e ecoloxía ante os desafíos propios do século XXI, nun contexto global de esgotamento do petróleo".

As formas artísticas da protesta contra o Prestige "a partir das tradicións populares galegas e, especialmente, da estética do entroido", as formas de arte "que xurdiron a partir do 2002 dende a observación e o diálogo coa natureza" e "a capacidade do Nunca Máis de traballar en rede e de activar formas de imaxinación política útiles para o futuro" completan os eixes da iniciativa.

A mostra, que se poderá visitar ata o vindeiro 21 de maio, parte dos fondos do Arquivo Vivo da Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra, que desde 2017 traballa a recuperar a memoria daquel movemento social.

Universo culturagalega.gal

14/03/2023

A pegada creativa do Prestige

A exposición Sempre Máis reivindica o valor da creatividade vencellada ás mobilizacións contra a catástrofe ambiental de 2002