Un novo achado abre a porta a reclamar dúas estatuas do Mosteiro de Carboeiro

Varios documentos permiten datar a subtracción destes elementos patrimoniais

Varios documentos permiten datar a subtracción destes elementos patrimoniais
Estatuas de Carboeiro no Museo Marés. Fotografía de Antonio Ferro. Archivo Museo Marés.
En 1957 Manuel Chamoso Lamas denunciou ante a Comisaría General e a Autoridade Gobernativa a desaparición de dúas estatuas do tímpano do Mosterio de Carboeiro. Así o asevera a carta que o que fora Comisario da 1ª Zona do Servizo de Defensa do Patrimonio Artístico Nacional lle remitiu a Luís Menéndez Pidal, arquitecto conservador de monumentos, e que acaba de redescubrir no Arquivo de Galicia e no Arquivo Xeral da Administración o historiador da arte Francisco Prado Vilar.

O texto desta carta sen datar, que se pode consultar en liña no portal Galiciana, permitiu a Prado Vilar conectala coa denuncia oficial, esta si datada, cursada en 1957 por Filgueira Valverde á Dirección Xeral de Belas Artes. Nela, pedía a retirada da terceira das esculturas do tímpano e o seu traslado ao Museo de Pontevedra, debido á recente "sustracción" das outras dúas. Os roubos producíronse nun momento no que o mosteiro xa contaba cunha protección legal que impedía a separación de elementos que facían parte do mesmo. Deste xeito, e segundo sinala Prado nun artigo en La Voz de Galicia, a denuncia confirma que a adquisición destes bens, na actualidade propiedade do Museo Frederic Marès de Barcelona, foi ilegal.

Ao seu ver, este feito abre a porta a unha reclamación por parte do Goberno Galego que permitiría recuperar estas esculturas para o noso país. En concreto, as pezas subtraídas son unha estatua dun Cristo en Maxestade e un relevo cos símbolos dos evanxelistas San Lucas e San Xoán.