A deputación de Lugo publica un libro sobre o asedio da torre de Caldaloba

É parte das accións de posta en valor da fortaleza da Deputación

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo publicou un libro divulgativo de Antón Xosé Meilán García ao redor da execución do Mariscal Pedro Pardo de Cela e a resistencia da súa filla Constanza de Castro na torre de Caldaloba (Cospeito). O libro pódese descargar en liña no web da Deputación de Lugo a través desta nova ou consultar desde o panel instalado pola Vicepresidencia na "parcela na que se ubica a metade da Torre da Caldaloba, unhas dúas hectáreas de terreo que inclúen a metade da edificación". A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, explicou que "mantemos a folla de ruta prevista para acadar a titularidade pública da totalidade da Torre". A instalación do panel sucede despois do anuncio da Xunta a principios de novembro de 2022 da adquisición do castelo de Caldaloba por parte da Administración autonómica en base ao dereito de tanteo, unha vez que a Deputación de Lugo lle comunicara a súa adquisición.