O 2023 será un ano de celebración e reflexión no Consello da Cultura Galega

Preséntase a programación coa que a institución abordará o seu 40 aniversario

Preséntase a programación coa que a institución abordará o seu 40 aniversario
Os 8 foros que o CCG programará neste 2023, durante o seu 40 aniversario
Un gran ciclo de oito sesións no que participarán figuras como Remedios Zafra, José Luis Villacañas, Peter Kraus ou Josep Ramoneda; visibilización do fondo propio; apertura da institución á cidadanía e dous grandes actos conmemorativos son algunhas das actividades previstas para celebrar o 40 aniversario do Consello da Cultura Galega (CCG), creado en 1983. As actividades foron ratificadas na sesión plenaria celebrada no serán deste xoves, que contou coa presenza do presidente de honra da institución, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. "Queríamos que tivese un carácter festivo, pero tamén que convidase a unha reflexión sobre o papel da cultura e das institucións culturais", explicou a presidenta, Rosario Álvarez, na presentación da programación este venres na sede do CCG.

Rosario Álvarez apuntou que a celebración do 40 aniversario da institución se asenta en catro piares, que se engaden á programación habitual da institución. O primeiro deles busca pór en valor o legado construído pola institución nestas catro décadas de existencia. Desde o pasado 1 de xaneiro a través do web e das redes sociais do CCG iniciáronse proxectos de visibilización do fondo propio a partir de fotografías, conferencias e outros recursos que permiten traer a memoria conferencias destacadas da traxectoria da institución. A segunda das partes constitúe a cerna da programación pensada de xeito exclusivo e deseñada por unha comisión formada por Ramón Villares, Xosé Manoel Núñez Seixas, Dolores Vilavedra, Maria Xosé Porteiro, Rosa Aneiros e Marcelino Fernández. Núñez Seixas, coordinador desta comisión, explicou que se trata dun foro titulado Pensar o mundo desde Galicia. “O noso cometido foi escolmar unha serie de áreas temáticas nas que diferentes seccións e comisións do Consello da Cultura Galega veñen traballando desde hai décadas, que sintetizan as nosas preocupacións que están sobre cuestión candentes de actividade”, apuntou Núñez Seixas. Está formado por oito xornadas nas que participará unha corentena de figuras destacadas e que se se celebrarán entre marzo e novembro.

O terceiro piar conforma a parte máis conmemorativa, que xira arredor de dous actos: un de carácter máis institucional, que terá lugar arredor do 8 de xullo, día en que se aprobou a Lei de creación da institución (Lei 8/1983), e outro máis festivo. Este último terá lugar en novembro e consiste nun concerto institucional que, en palabras da presidenta, xunta varios fíos: “A relevancia da Orquestra Sinfónica de Galicia; unha obra importante elaborada por Juan Durán, un dos grandes compositores da Galicia contemporánea, sobre textos de Ramón Cabanillas; e a dirección de Víctor Pablo Pérez. É un broche festivo para un ano dunha grande altura”. O cuarto piar propón unha análise sobre a perspectiva futura e a propia institución. Consistirá nunha xornada no mes de novembro que servirá de peche da celebración e está coordinada por Ramón Villares.