Ángel Basanta doa a súa biblioteca ao Concello da Pastoriza

O crítico literario recibe unha homenaxe no seu municipio natal este 27 de decembro

Dez mil volumes da biblioteca persoal do recoñecido crítico literario Ángel Basanta pasarán a engrosar os fondos da Casa da Cultura do Concello da Pastoriza. O municipio recibirá este legado bibliográfico nun acto no que participarán o alcalde, Primitivo Iglesias, o Premio Nacional de Literatura Luís Mateo Díaz, o escritor Carlos Reigosa, o presidente da Real Academia Galega Víctor F. Freixanes, o crítico José Antonio Ponte Far e o editor Emilio Pascual.

A coincidir co evento publicarase ademais un libro no que se recollen as intervencións de todos os participantes no acto, a incluír o propio homenaxeado. Nado na Pastoriza en 1950, Basanta foi profesor na Universidade de Santiago de Compostela e na Complutense de Madrid, e está considerado como un dos principais especialistas en autores como Pío Baroja e Torrente Ballester.