As datacións confirman a orixe prehistórica do cairn da Muradella

O equipo arqueolóxico publica os resultados da datación dun incendio localizado baixo o monumento

O equipo arqueolóxico publica os resultados da datación dun incendio localizado baixo o monumento
Infográfico sobre a Muradella. Autora: María Álvarez Fernández
Non foi en Nadal, pero aos arqueólogos que interviñan no xacemento de A Muradella, localizado no alto da serra do Moncai, entre a Pobra do Brollón e Monforte de Lemos (Lugo), tocoulles a lotería cando localizaron, no fondo da impresionante montaña de pedras que escavaron, un solo queimado cheo de carbóns. O xacemento non ofrecera ata o momento ningunha materialidade que permitira facer unha aproximación temporal, aínda que o equipo xa localizara o muro perimetral do monumento e unha intrigante zona central que podería corresponder a algún tipo de cámara funeraria. Baixo a acumulación de pedras había un nivel de incendio inmediatamente anterior á construción do túmulo que permitiron ofrecer unha datación a través de C14 de entre o 2900 e 2700 a.C. "Aínda que A Muradella non é o primeiro cairn coñecido de Galicia, si que se trata, polas súas características, dun monumento único. Co seu tamaño dista moito dos atopados na serra do Xistral (lugo) e pola existencia dunha cámara central, o diferencia dos paralelos porugueses". Para Rodrigo Paulos, arqueólogo da Universidad Complutense de Madrid e director do proxecto, "prantexamos a posibilidade de que se trate dun emprazamento buscado, como eixo vertebrador e simbólico dun territorio, algo moi observado e estudado no megalitismo do norte do Atlántico. é o reflexo dunha aparente continuidade do influxo atlántico no territorio durante o Neolítico final (entre o 3300 e o 2500 a.C.).


Nivel de queimado de onde se obtiveron os datos. Infográfico: María Álvarez Fernández

O proxecto iniciarase en xullo deste ano prantexando dúas posibilidades para o monumento: ben ser un cairn prehistórico ou ben algún tipo de pequena fortificación medieval. Non é habitual que un equipo arqueolóxico poña sobre a mesa dúas hipóteses tan contrapostas antes de comezar unha intervención. Ao longo de xullo, os arqueólogos foron desbotando a segunda das hipóteses e decantándose pola opción prehistórica, aínda que non había datos que permitiran datar a cronoloxía. A singularidade do monumento facía que esta aínda estivera moi aberta. Os datos permitiron precisar a datación e obter máis datos sobre un xacemento de gran relevancia para a prehistoria de Lemos e Galicia. No proxecto participaron profesionais de universidades españolas e portuguesas como a Universidade Nova de Lisboa ou o Consello Superior de Investigacións Científicas.


Intervención no cairn de A Muradella. Foto: culturagalega.gal