Os monicreques entran nos Premios María Casares

Os premios pasarán de entregar 14 galardóns a 16 e presentan máis novidades nas bases

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
Xerra Premio María Casares                 Foto: LaDiapo /AAAG

Xerra Premio María Casares Foto: LaDiapo /AAAG

A convocatoria da vixésima sétima edición dos Premios de Teatro María Casares chega cargada de novidades. Tras consultas a diferentes axentes do sector e a aprobación do corpo asociativo da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) en asemblea, veñen de presentarse as bases para recoñecer o traballo escénico galego do 2022 que inclúen dúas novas categorías a premiar e outros cambios nos enunciados, algúns de calado, que responden á necesidade de adaptar ás novas realidades do sector os galardóns, que practicamente non alteraron as súas bases dende a súa posta en marcha en 1997. Este ano os Premios María Casares pasarán de entregar 14 galardóns a 16 ao recoñecer dous novos apartados. O primeiro deles é o de mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas, que nace co obxectivo de englobar nos María Casares unha disciplina de longa tradición no país e que vai máis alá do público infantil para incluír montaxes dirixidas ao público adulto. O segundo é o premio á mellor dirección de movementos, que procura recoñecer un traballo cada vez máis presente nos espectáculos teatrais. En todo caso, as bases tamén inclúen o condicionante de que para chegar a concederse calquera dos 16 galardóns, a categoría debe contar cun mínimo de tres candidaturas na primeira fase do proceso. En caso contrario, ese galardón ficará sen conceder e á hora da gala de entrega os 16 galardóns poderían ser menos.

Outro dos cambios que trae esta nova edición dos premios é a alteración da nomenclatura de dúas categorías habituais. Mellor escenografía pasa a ser mellor espazo escénico e mellor música orixinal será espazo sonoro. Estas novas denominacións resultan máis acaídas para os traballos que se desenvolven na actualidade nas producións teatrais, segundo comunica a AAAG. Tamén se matizará o requisito da lingua para non excluír obras que carezan de texto falado. Así, o certame continuará a admitir en exclusiva espectáculos en lingua galega, mais tamén se aceptarán a concurso aquelas obras que non teñan texto falado, pero que si empreguen o noso idioma en todo o material de difusión, no programa de man, na sinopse, etc. As bases tamén fan outro cambio de tipo inclusivo ao cambiar a expresión "teatro de actor" por "teatro de actriz/actor". Con estas modificacións a AAAG abre o período de presentación de candidaturas para estes XXVII Premios de Teatro

Que che parece esta nova?
55 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Ligazóns externas

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con María Casares, Premios María Casares, Espectáculo, Teatro...