Zahera, Anido, Tosar, Barros e Vázquez finalistas a un Goya

As candidaturas dos actores de reparto de "As bestas" farán que compitan entre eles

As candidaturas dos actores de reparto de
Luis Zahera e Diego Anido nunha secuencia de "As Bestas" Imaxe: A contracorriente Films
A película "As bestas" de Rodrigo Sorogoyen, rodada en Galicia e tomando como base un suceso real ocorrido tamén na nosa comunidade, ven de obter 17 candidaturas finalistas nos Premios Goya do cine español. Entre elas, dúas recaen directamente en dous dos intérpretes galegos do filme: Luis Zahera e Diego Anido. Ambos actores dan vida a dúas personaxes principais da historia, e optan polo seu traballo ao premio a Mellor actor de reparto, competindo entre si e con outros tres intérpretes. Ademais deles o lucense Luis Tosar entra tamén no listado de finalistas a Mellor actor protagonista pola súa interpretación en "En los márgenes". Outra importante presenza galega nesta recta final cara os premios da academia española é a do filme "Unicorn Wars" de Alberto Vázquez, que é candidato ao galardón a mellor película de animación. Ademais deles a academia tamén seleccionou como finalista na categoría de curtametraxe documental o filme "Memoria" de Nerea Barros, que supón o debut na dirección da actriz compostelá. A Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España deu a coñecer esta mañá a lista completa de finalistas. A gala de entrega celebrarase o vindeiro 11 de febreiro en Sevilla.

Ligazóns