A recuperación da documentación da actividade profesional de Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912- Vigo, 1979) como procurador foi a motivación para presentar os orixinais de dez poemas borrados dunha das súas obras. A Fundación Celso Emilio Ferreiro xunto co Colexio de Procuradores de Vigo presentounos xunto aos documentos do expediente profesional como procurador de Ferreiro, nun acto este mércores no MARCO de Vigo, lugar que no pasado albergou o antigo xulgado no que traballou o poeta na súa faceta profesional de procurador entre 1950 e 1966, momento no que emigrou a Venezuela. Na presentación tomaron parte o decano do Colexio, José Antonio Fandiño; o director da Fundación, Luis Ferreiro Loredo; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez e o biógrafo de Celso Emilio Ferreiro, Ramón Nicolás. Os dez poemas agora revelados, escritos en castelán, formaban parte orixinariamente da obra "Antipoemas" coa que gañou en 1971 o V Premio Internacional de Poesía Álamo de Salamanca, pero foron censurados no momento da impresión polos editores sen permiso do autor en 1972, cando a súa publicación como gañador do certame.
Segundo indica a Fundación CEF, como resposta, Ferreiro publicou ese mesmo ano en Venezuela unha separata co título "Poemas prohibidos. Diez poemas no incluidos en el libro ANTIPOEMAS por causas no imputables a la voluntad del autor", esta publicación non tivo distribución comercial e os versos non estaban recollidos desde entón en ningunha publicación antolóxica de xeito conxunto. Os orixinais quedaron como semi-inéditos e foron atopados en 2020 tras ter coñecemento desde o Colexio de Procuradores de Vigo dun poema do autor sobre a xustiza achegado desde a familia do autor de 'Longa noite de pedra'. Os poemas cuxos orixinais foron agora presentados, engadindo unha tradución ao galego feita desde o propio Colexio, teñen como títulos: 'O condado', 'Juan vive moi ben en Caracas', 'Hai que definirse', 'A cidade asaltada', 'O outro camiño', 'Fuero juzgo 1972', 'O que o tempo espera', 'A trata', 'Carcajadote' e 'Telegrama diferido'.