As artes escénicas ante os retos da época centran a xornada de literatura dramática da AELG

A asociación tamén levará a cabo unha recollida de tradición oral sobre a pesca das baleas en Cee

Este sábado 26 de novembro terá lugar a VIIª Xornada da Sección de Literatura Dramática da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Baixo o enunciado "Os retos das artes escénicas en tempos difíciles" o encontro buscará tomarlle o pulso á creación escénica contemporánea e aos retos fronte a esta época, marcada pola pos-pandemia e a crise derivada, á que se suma a guerra en Ucraína.

Con ese obxectivo, a xornada articúlase como un contedor do "V Festival Pezas dun teatro do porvir, Galiza + Portugal. Procesos abertos de escrita dramática" que procura presentar, analizar e debater propostas escénicas que se están a ensaiar e a crear neste momento en ambos países. O festival intenta servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os palcos. Nesta quinta edición do festival acollera 7 proxectos (galegos e portugueses), que serán amosados e compartidos en público e de entre o que un xurado premiará un deles coa posibilidade da súa estrea nalgún dos espazos teatrais da Coruña. Ademais durante a xornada ofrecerase unha unha masterclass sobre os retos das artes escénicas nestes tempos complexos e difíciles por parte do director artístico do Centro Cultural Vilaflor de Guimarães, Portugal, Rui Torrinha.


Polafía baleeira
Na mesma data, este sábado a AELG duplica a súa actividade e organiza tamén no Auditorio da Casa da Cultura de Cee unha nova "Polafía" de recollida de literatura oral entre a veciñanza do concello da Costa da Morte. Neste caso a actividade nomeada "Atrás da balea" pon o foco na actividade baleeira que se levaba a cabo no logar de Caneliñas e a recollida de testemuñas estará dirixida a aquelas persoas que tiveron unha estreita relación co mundo da balea, buscando rexistrar todo o patrimonio lingüístico e etnográfico xurdido arredor desta práctica pesqueira. Os escritores Francisco Xosé Fernández Naval e Xosé Iglesias, da AELG, acompañarán a varias persoas que traballaron na antiga factoría baleeira de Caneliñas. O evento terá lugar no Auditorio Baldomero Cores da casa da Cultura de Cee ás 18:00 horas, con entrada libre.