Amador Castro faise co XXXIV Premio Torrente Ballester de Narrativa

O galardón que convoca a Deputación da Coruña está dotado con 15.000 euros

Amador Castro. Fonte: Deputación da Coruña.
Amador Castro. Fonte: Deputación da Coruña.
A novela Pronto hei de volver valeulle a Amador Castro Moure facerse co XXXIV Premio Torrente Ballester de Narrativa en lingua galega. A Deputación da Coruña convoca este certame, dotado con 15.000 euros e a publicación da obra, ao que se presentaron un total de 55 obras nesta xeira.

A entidade deu a coñecer o venres 18 de novembro un fallo salienta que se trata dunha "novela moi interesante desde o punto de vista discursivo" e que "aborda o tema da emigración desde un punto de vista innovador". O xurado "destaca a elección da protagonista como unha identidade subalterna" que se expresa mediante "a súa prosa precisa, luminosa no uso da imaxe e hábil no uso do rexistro oral".

O xurado do galardón estivo composto por Berta Dávila, Diego Giráldez, Montse Fajardo, Xina Vega e Raúl M. Santos. Canda a eles, fixeron parte do comité o deputado de Cultura, Xurxo Couto e a xefa de Sección de Cultura, Manuela Muñiz como secretaria. Tamén estivo presente a comisaria dos premios literarios da Deputación, Susana Pedreira, sen voz e sen voto.

En paralelo a este fallo tamén se reuniu o xurado do Premio Torrente Ballester en castelán, que acordou declarar deserta esta edición do certame. O comité estivo composto por Marcos Giralt Torrente, Bibiana Candia, Gabriela Consuegra, Javier Peña e pola escritora gañadora deste premio na edición 2021 María Cureses.