María Antonia Dans protagonizará o Día da Ilustración 2023

A pintora nada en Oza dos Ríos practicou un estilo neoexpresionista de fonda raíz popular

María Antonia Dans. Fonte: Consello da Cultura Galega
María Antonia Dans. Fonte: Consello da Cultura Galega
O Día da Ilustración Galega, que se celebra cada ano o 30 de xaneiro, homenaxeará en 2023 a pintora María Antonia Dans Boado. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, canda a representantes da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e das escolas de Arte Superior e Deseño realizaron este 9 de novembro a escolla desta artista, que iniciou a súa formación na Coruña da man de Lolita Díaz Baliño, tamén homenaxeada nesta efeméride.

Segundo lembra a Consellería de Cultura da creadora, Dans "destacou por ser un referente no neoexpresionismo, polo protagonismo dos escenarios galegos nas súas obras e polo seu estilo ás veces cualificado de naif", e apuntou que "a súa obra está representada en edificios oficiais e públicos, no Museo de Arte Contemporánea de Madrid, en todos os de Galicia e nun bo número de provincias de España". Anxo Lorenzo lembrou ademais que a Xunta está traballar na rehabilitación e musealización da casa da pintora no concello de Curtis.

Nada en Oza dos Ríos en 1922, Dans comezou a súa carreira expositiva na Coruña en 1950 e axiña conseguiu un importante recoñecemento. O seu traballo deuse a coñecer en diferentes exposicións colectivas tanto no Estado como no estranxeiro, e chegou a recibir a medalla da vila de París así como recoñecementos das deputacións e concellos de Córdoba, Badaxoz ou Alacante, entre outras.

Segundo destaca a consellería de Cultura "a pintura de María Antonia Dans, ás veces cualificada de naif é, en realidade, un neoexpresionismo de raíz deliberadamente inxenuista, emparentado cos modos de bordado popular. As súas paisaxes son elementais, con algo de mosaico. As faenas do campo e o mundo do mar son temas habituais nas súas obras". A pintora faleceu en 1988.