
O encontro pretende un ano máis servir como escaparate para estas iniciativas tan importantes para un sistema musical san como complicadas, que son a creación e mantemento dos selos discográficos independentes, pequenas empresas onde a paixón pola música e o respecto á calidade está case sempre por riba de outras consideracións comerciais. Ademais o DISKE DISCO busca tamén apoiar a escena musical galega máis alá dos circuítos máis comerciais e masivos. No que é a extensión de programa desta segunda edición, comezou oficialmente o pasado día 8 de outubro, coa presentación da BSO da pelíucla de animación de Fermín Muguruza película "Black Is Beltza 2" e da banda deseñada da que parte. Outras das actividades engadidas terá lugar o venres 18 de novembro, onde en colaboración coa AC República Mardigras a sala do mesmo nome acollerá o concerto da banda Sandford Music Factory que adiantará temas do seu próximo lanzamento con Radix Records.



