Anxo Cabada retrata varias xeracións de artistas de Galicia

A exposición "Sombras atlánticas. Retratos da arte galega" ábrese este ventres no Museo de Pontevedra

Retrato de Xaquín Chaves, por Anxo Cabada. Foto: Museo de Pontevedra
Retrato de Xaquín Chaves, por Anxo Cabada. Foto: Museo de Pontevedra
Ata 34 artistas de distintas xeracións, modalidades artísticas e territorios, todas e todos con nacemento ou residencia en Galicia foron retratados pola cámara de Anxo Cabada e agora eses retratos compoñen a exposición "Sombras atlánticas. Retratos da arte galega", que este venres se inaugura no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O fotógrafo e profesor, natural de Sabucedo (A Estrada), propón deste xeito un "diálogo coas persoas creadoras da beleza do país" como desafío da exposición, centrada nalgúns dos rostros da pintura e a escultura que marcaron o devir da arte en Galicia nos últimos 50 anos. A exposición reúne retratos en branco e negro tomados co mesmo pano de fondo, como un escenario teatral que homenaxea aos primeiros fotógrafos e que serve para dar coherencia ao conxunto de imaxes da exposición, que se relacionan entre si.

Na mostra atópanse persoas creadoras que despuntaron nos 70, como Silverio Rivas, Jorge Castillo, Acisclo Manzano ou Buciños, e que pertenceron ou se vincularon ao grupo Atlántica, que na década dos 80 contribuíu a reactivar as artes plásticas en Galicia e darlles presenza no exterior: Menchu Lamas, Antón Lamazares, Antón Patiño, Ánxel Huete, Xosé Freixanes, Xabier Correa Corredoira, Ignacio Basallo, Din Matamoro... Tamén continuadoras da renovación da escultura galega, como Francisco Leiro, Soledad Penalta ou Manolo Paz. A evolución da visibilidade de mulleres artistas nos seguintes anos queda ben reflectida nesta mostra, na que case a metade dos retratos son de mulleres artistas, como Almudena Fernández Fariña, Mónica Alonso, Carme Nogueira, Pamen Pereira, Tatiana Medal, Lula Goce, Elena Fernández Prada ou Sula Repani. "Sombras atlánticas. Retratos da arte galega’ poderá visitarse ata o 15 de xaneiro.