Os rectores galegos rexeitan a Lei de Universidades proposta polo Goberno

Contra a lei

A aprobación onte da nova Lei de Universidades na Comisión de Educación no Congreso motivou un rexeitamento unánime por parte dos rectores da tres universidades galegas. Xa desde o comezo da discusión deste texto diferentes sectores da comunidade universitaria amosaron o seu rexeitamento a esta Lei, que xulgan que favorece as universidades privadas. Outra novidade que chega das universidades galegas estes días é a creación en Vigo dunha cátedra que investigará diferentes aplicacións sobre a rede.

Os rectores protestan

A aprobración cos votos do PP do texto da nova Lei de Universidades na Comisión de Educación do Congreso dos Deputados motivou o rexeitamento da nova norma polos rectores das tres universidades galegas. Darío Villanueva, José Luis Meilán Gil e Domingo Docampo, criticaron que o Partido Popular aprobase o texto sen ter en conta as enmendas presentadas polos partidos da oposición nin as suxerencias apuntadas polos rectores de todo o Estado e por diferentes colectivos universitarios.
Darívo Villanueva, rector da Universidade de Santiago, fixo fincapé na discriminación que supón que os rectores das universidades públicas teñan que pasar a habilitación nacional para desempeñar o seu cargo mentres que os dos centros privados están eximidos de realizar esta proba.
Pola súa banda, Domingo Docampo, da Universidade de Vigo, sinalou que "as universidades privadas quedan situadas nun marco favorable" mentres que as públicas estarán "obrigadas á unifomidade dun proceso de oposición e sorteo". Para o rector vigués "os rectores teñen aínda algunha oportunidade de manifestar o seu rexeitamento" e influir no Goberno antes de que se produza a aprobación final da Lei no Pleno do Congreso dos días trinta e trinta e un deste mes.
Ademais dos rectores, os estudiantes manifestaron tamén o seu rexeitamento á nova Lei convocando unha folga para o vindeiro día catorce de novembro, e os traballadores das universidades terán unha xornada de protesta o día sete.
Desde a Consellería de Educación, Celso Currás xa ten manifestado o seu apoio á nova lei considerándoa "moderna e necesaria".











Unha nova cátedra


A Universidade de Vigo conta desde onte coa súa novena cátedra, a Cáedra Comunitel. Este departamento, crado mediante un convenio entre a empresa deste nome e a Universidade, definirá anualmente o seu campo de estudio. Está previsto que as primeiras investigacións da nova cátedra se centren na investigación de ferramentas de teleformación e aplicacións multimedia e no estudio de certificados dixitais para garantir a seguridade en Internet.
A Cátedra Comunitel, vencellada á Escola Técnica Superior de Telecomunicacións, encargarase tamén de optimizar os servicios de xestión de información en formato electrónico do centor.
A empresa Comunitel, con sede en Vigo, aportará cada ano seis millóns e medio de pesetas ó sostemento desta cátedra.