Os Bonos Cultura esgótanse en poucas horas

Os 20.000 bonos emitidos poden comezar a usarse hoxe mesmo e hai case 400 empresas adheridas

O Bono Cultura da Xunta de Galicia, o programa de descontos na compra de produtos ou utilización de servizos culturais non chegaron hoxe a ver a luz do día, esgotándose a súa emisión, a medianoite, antes do amencer. Xustamente a medianoite abríase a posibilidade de facerse a través da plataforma web cun dos 20.000 bonos Cultura que se emitiron nesta segunda edición deste programa e ás oito da mañá o sistema da Xunta xa informaba de que non había máis dispoñibilidade.

Os bonos teñen un valor de 50 euros por usuario para gastar entre hoxe e o 31 de decembro deste ano nos distintos establecementos que se adhiran. As súas compras terán un desconto do 50% ata esgotar o crédito. Os produtos e servizos que se poderán adquirir non varían con respecto á edición anterior: a compra de música gravada en CD ou vinilo, películas ou series en formato físico, libros ou videoxogos e calquera tipo de institución cultural (museo, casa-museo...), salas de cine, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras. Case 400 empresas do sector están adheridas xa ao programa, unha cifra que poderá seguir medrando xa que o prazo para que os negocios se sumen continúa aberto ata o 14 de novembro. A nova edición deste programa contou cun orzamento dun millón de euros para eses 20.000 bonos, cifras menores que as da campaña anterior, que chegou aos 1.950.000 euros e emitiu ata 39.000 bonos de 50 euros cada un.
Ligazóns