Escavar un castro sen mover un centímetro de terra

Os arqueólogos proban novas técnicas de prospección no castro de Rueta (Cervo)

| Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:
Castro de Rueta. Foto: INCIPIT/CSIC

Castro de Rueta. Foto: INCIPIT/CSIC

Existe unha crenza popular de que o único xeito de coñecer e poñer en valor un xacemento castrexo é a partir da súa escavación. Pero o uso de tecnoloxías non invasivas para poder 'ver' baixo o subsolo é cada vez máis frecuente, e permite obter datos relevantes sobre os sitios. Agora, un novo proxecto de investigación tentará refinar e mellorar as técnicas de obtención de datos sobre os castros a través de todo tipo de tecnoloxías non invasivas, como gradiómetros, xeorradares ou mesmo, de xeito máis experimental, novas sensóricas instaladas en drones. O proxecto vaise levar a cabo nun promontorio fortificado na costa de Cervo, na Mariña luguesa. O castro de Rueta, xa limpo a semana pasada antes da toma de datos, amosa un excepcional estado de conservación, con varios recintos fortificados, alteracións no terreo que poderían corresponder a estruturas e unha importante parcela no exterior á que tamén se estenderán as investigacións. Os traballos, dirixidos polos arqueólogos David González-Álvarez (Instituto de Ciencias do Patrimonio) e Jesús García Sánchez (Intituto de Arqueoloxía de Mérida) do CSIC, servirán para obter a máxima información sobre o castro e as súas afeccións antes de recurrir a técnicas máis convencionais na arqueoloxía, así como testar metodoloxías de traballo que supoñen a escavación e, polo tanto, a destrución de parte do rexistro arqueolóxico conservado.


Castro de Rueta desde o mar. Foto: INCIPIT/CSIC

O proxecto foi levado a cabo grazas á iniciativa da asociación Mariña Patrimonio, a través dunha subvención da Deputación de Lugo para levar a cabo accións arqueolóxicas, así como grazas ao permiso dos propietarios das parcelas do castro de Rueta. O concello de Cervo tamén contribuiu coa achega dun desbroce moi estenso que permitirá algo moi pouco habitual: a lectura e análise integral dun castro con estas técnicas de exploración do subsolo. Debido á configuración e división en propiedades dos xacementos, conseguir unha lectura completa non é tan frecuente. E dentro das liñas de traballo de David González, tamén se prestará atención ao espazo de fóra das murallas. O coñecemento da periferia dos xacementos da Idade do Ferro é unha das grandes materias pendentes do estudo da Idade do Ferro en Galicia.


Castro de Rueta. Foto: INCIPIT/CSIC

Os arqueólogos xa están traballando polo terreo pero, polo momento, o perfil do castro, limpo de vexetación, é xa un monumento en si mesmo.


Castro de Rueta. Foto: Mariña Patrimonio


Castro de Rueta. Foto: Mariña Patrimonio

Que che parece esta nova?
127 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Anomalías reveladoras

Anomalías reveladoras

Presentan os resultados da intervención con xeofísica do castro de Rueta (Cervo)

Un arriba e abaixo castrexo

Un arriba e abaixo castrexo

Os arqueólogos investigan en Castrolandín as razóns da construción de cabanas por fóra das murallas do castro

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Cervo, Arqueoloxía, CSIC, Mariña Patrimonio...