Lois Pérez gaña o "Raíña Lupa" de literatura infantil e xuvenil

A obra sobre a emigración "A tribo do mar" foi a vencedora desta XVIª edición do premio da Deputación da Coruña

Lois Pérez
Lois Pérez
"A tribo do mar" é o título da obra coa que Lois Pérez (Lugo, 1979) ven de gañar o XVI Premio "Raíña Lupa" de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña. O xurado composto por cinco escritoras e escritores de diferentes xeracións e cuxas obras figuran entre as máis lidas polo público infantil e xuvenil (Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, Antía Yáñez, Érica Esmorís e a gañadora da última edición, Andrea Maceiras). acordou conceder o galardón á este texto presentado baixo plica. No seu informe o xurado salientou que a obra gañadora está conformada "por diferentes voces que se enfían para amosar un relato que recolle a realidade actual da emigración". Tamén anota que "A tribo do mar" está narrada "cun estilo áxil e atractivo para o público xuvenil ao que vai destinada". O premio está dotado con 6.500 euros.

Lois Pérez é mestre, contador de historias, poeta, escritor e guionista. No eido da literatura xuvenil, con "A gruta da torre" (Xerais, 2022), gañou o V Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade. No eido da dramaturxia, gañou en 2008 o Premio de Teatro Radiofónico da Radio Galega con "Saltimbanqui" (Xerais, 2008), dirixida e adaptada por Quico Cadaval. Como poeta, publicou "LP" (2013) e "Long Play" (Xerais,2017), e gañou o Premio aRi[t]mar ao mellor poema editado en Galicia nese ano por "Blues do rei Bergman=B.B. King". Fai parte do Comité de Redacción da revista Luzes,e como guionista e narrador, participou en "Acorda, cartografía musical da represión fascista na provincia de Pontevedra", dirixido por Uxía. Coordina a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e, no eido do ensino público, traballou e promoveu diferentes proxectos de innovación na normalización lingüística do galego na escola, premiados todos eles por organismos oficiais e institucións diversas. Escribe de rock and roll e literatura no suplemento cultural Táboa Redonda, que se publica os domingos co Progreso de Lugo e o Diario de Pontevedra.