Cando os mortos viven nos muros dos vivos

Remata a nova campaña de intervención no xacemento galaicorromano de Armea

Remata a nova campaña de intervención no xacemento galaicorromano de Armea
Fragmento de estela galaicorromana. Foto: Universidade de Vigo
Rematou a campaña de outono de intevencións arqueolóxicas no xacemento galaicorromano de Armea co achado dun novo material escultórico galaicorromano. Desta volta, parte dunha estela funeraria cunha fermosa figura trisqueliforme apareceu nos muros dunha das casas exhumadas, reutilizada. Hai que ter en conta que o monumental conxunto exhumado polos arqueólogos ata o momento contempla dous niveis. O que os visitantes poden apreciar corresponde a finais do século I d.C., pero o primeiro nivel iniciaríase a principios do século I d.C., a coincidir cos inicios da romanización en Galicia. Segundo Adolfo Fernández, investigador da Universidade de Vigo e director da intervención, a estela pode estar asociada a unha necrópole próxima aínda non localizada, da que as súas pezas foron amortizadas en fases posteriores do poboado. Non foi o único achado da dobre intervención deste ano 2022, da que os arqueólogos destacaron o gran número de metros cadrados -300- e as estruturas rematadas de definir ou localizar. Outras mostras de escultura galaicorromana como as rosáceas, ademais de numerosos materiais cerámicos, foron outros dos achados. O xacemento tamén contará con nova sinalética de acceso e paneis interpretativos.

Vista aérea da intervención:


Rosácea atopada na escavación