Alberto Ramos faise co XVI Premio Repsol de Narrativa Breve

O xurado seleccionou a súa obra Os corpos de Romanov. Matthias Lentz

A obra presentada baixo o lema Os corpos de Romanov. Matthias Lentz valeulle a Alberto Ramos facerse co XVI Premio Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega. A organización do certame daba a coñecer na mañá deste 29 de setembro o fallo desta xeira do galardón, dotado con 12.000 euros e coa publicación da obra na Editorial Galaxia.

A narración gañadora, que se impuxo entre as 28 participantes, preséntase como "unha historia na que o azar das relacións humanas xunta unha serie de personaxes, solidamente construídos, nos que se reflicten as inquedanzas e os traumas individuais e colectivos do pasado".

O xurado desta edición do premio estivo composto por Marcos Calveiro, Xosé Monteagudo, Ramón Nicolás, Diana Varela e Dolores Vilavedra. Na súa acta, o comité destacou que traballo gañador "é unha novela escrita con un estilo de gran precisión, onde salienta a presenza dun narrador solidario que apela á conciencia de quen le". Ademais "destaca igualmente a acaída engrenaxe das diversas tramas, que encaixan como as pezas dun reloxo".