A protección de zonas húmidas motiva varias iniciativas veciñais e administrativas en todo o país

Revoltas en augas quedas

| Santiago. Redacción | Seccións: Medio Ambiente
Compartir:

Lagoas, xunqueiras e outras zonas húmidas son espacios cun grande valor ecolóxico e paisaxístico. A pesar das directivas internacionais que apoian a protección destes espacios e da declaración dalgúns deles coma zonas protexidas no noso país, nos últimos tempos sucédense as agresións en puntos concretos contra este tipo de lugares. A resposta veciñal en lugares coma Palas de Rei ou Catoira e actuacións da administración coma no caso de Vilaboa amosan que está a mudar a concepción sobre o valor das zonas húmidas.

Cando a finais dos anos cincuenta se iniciou a desecación da lagoa de Antela, desaparecía un dos maiores humedais do país. Ademais da ganancia de terreo que supuña a eliminación deste espacio, a Administración xustificou o seu traballo pola suposta insalubridade da zona. Durante séculos lagos, marismas e xunqueiras foron secados na busca de novos solos de pasto e de cultivo. No último século o proceso acelerouse procurando terreos chans para a construcción ou mesmo para empregalos como vertedoiro de lixo. Hoxe, descartada a relación entre os espacios húmidos e a aparición de enfermidades, desde instancias internacionais coma o convenio Ramsar, dedicado especificamente á protección destas zonas, recoñécese a importancia deste tipo de espacios para depurar as augas, protexer o chan e como ecosistemas especialmente ricos. Pouco a pouco esta percepción de que as lagoas e as marismas son unha riqueza para o seu contorno está a calar na xente, e nos últimos meses estamos a ver como se suceden mobilizacións para salvar lugares que hai non moitos anos estarían condenados a serviren coma depósitos de entullo.
Contra o recheo en Palas
O pasado mes de xullo a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) daba a voz de alarma. O oitenta por cento da superficie da Lagoa de Vilareda estaba cuberta polos recheos que realizaba o propietario do terreo en que está situada. A situación mobilizou aos veciños da zona que, organizados na Plataforma Social pola Defensa do Alto Ulla e a través da asociación cultural Treina, solicitáronlle ao concello medidas para evitar a desaparición total deste espacio e para conseguir a súa recuperación. A lagoa de Vilareda é semellante a tantas outras que existen no noso país, unha pequena poza pouco fonda que permanece asolagada todo o ano e na que non é difícil ver especies de aves coma garzas ou parrulos, así coma anfibios e unha variada vexetación de ribeira que xa foi cortada en boa medida. Coma en tantos outros lugares, a busca de novo terreo fixo que pedras e terra e entullo fosen cubrindo durante os últimos anos, e con maior intensidade durante o 2003, a superficie asolagada. Despois de facer público o problema e enviar cartas ao concello solicitando a súa actuación, os veciños da zona están pendentes do futuro deste espacio. Para os defensores da lagoa é unha incoherencia o interese municipal por declarar Palas Concello de Interese Turístico e non tomar medidas para recuperala, mentres en zonas próximas coma Begonte estanse a empregar fondos europeos para salvar Os Pozos do Ollo, un lugar semellante, segundo eles, á zona húmida de Vilareda.

Vikingos pola lagoa en Catoira
Dun xeito semellante ao de Palas, recentemente Catoira vía nacer a Plataforma Vikinga en Defensa da Lagoa. Nesta ocasión o espacio que se quere defender é a lagoa de Pedras Miúdas, situada ao pé dos famosos muíños de vento que se conservan neste concello e que foron rehabilitados nos últimos anos. Esta lagoa, dunha extensión semellante a dous campos de fútbol, naceu da combinación da actividade humana e da natural, ao inundar varios mananciais os restos dunha vella explotación de granito. Retirado o home, a natureza fíxose cargo rapidamente da zona, e especies coma o corvo carnazal ou o peneireiro comezaron a frecuentar a zona, xa inzada de vexetación, como refuxio. Ademais, a auga do lago ten sido empregada polos servicios forestais e, segundo a plataforma, pode empregarse en épocas de seca para distribuíla a través da rede de abastecemento público. O perigo que ameaza este espacio vén do acordo que acaban de asinar os comuneiros de Catoira coa empresa de construcción Remosil. O convenio autoriza a empresa para verter cascallos neste espacio ata proceder ao seu recheo total. Desde a plataforma abriuse unha recollida de sinaturas para apoiar a súa solicitude de salvar este espacio e están a pensar novas medidas na defensa da lagoa.

O sal da ría en Vilaboa
Outro espacio creado pola mestura da intervención humana e a acción natural é a zona húmida que agora ocupan as salinas de Paredes, no concello pontevedrés de Vilaboa. Desta volta e despois de anos de abandono, a Administración, e máis concretamente a Dirección Xeral de Costas da Consellería de Medio Ambiente, tomou a iniciativa de elaborar un proxecto para recuperar este espacio. As salinas son unha peculiar zona formada orixinalmente por un grande estanque de pedra no que se recollía e se deixaba evaporar a auga do mar e que estivo en funcionamento ata o século XIX. Logo do seu abandono, o espacio foi colonizado rapidamente por diferentes especies animais e vexetais, converténdose nun lugar de destacado interese ornitolóxico e que alberga abondosas especies vexetais autóctonas. A importancia das salinas levou a que a Xunta as incluíse na súa proposta para formar parte da Rede Natura 2000, que homologa a Unión Europea. No proxecto de costas inclúese a creación de sendeiros e de zonas de aparcamento nas proximidades da zona, ademais da retirada de boa parte dos recheos e do entullo que, coma en tantas outras ocasións, están acumulados nalgunhas das beiras. Desde o colectivo ecoloxista Luita Verde do Morrazo, que leva anos chamando a atención sobre este espacio, xa se solicitou que as obras de recuperación se amplíen á recuperación do antigo muíño de mareas existente nas proximidades das salinas e á creación dun centro de interpretación ambiental.

Aínda hai máis
Son só tres casos. Por toda Galicia repítese constantemente o enfrontamento entre os dous xeitos de entender as zonas húmidas. Nestas últimas semanas as marismas do Alba en Pontevedra foron o eixe dun enfrontamento entre o Concello por unha banda e a Deputación e o Pontevedra C.F. pola outra. Mentres a Deputación e o club de fútbol defenden o recheo de boa parte deste espacio natural para construír un novo estadio, o Concello négase a darlle este uso e pula pola súa recuperación. Na ría de Arousa o Complexo Intermareal Umia-O Grove está a avanzar nos últimos anos nas súas medidas de protección, mentres Corrubedo, coa súa lagoa, conseguiu a declaración de Parque Natural. A Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago realizou un Inventario de Zonas Húmidas de Galicia no que resalta a importancia destes lugares. Os exemplos son moitos polas dúas bandas, e a pesar de que a idea de que as lagoas e as xunqueiras teñen un valor moi alto vai penetrando cada vez máis na sociedade, os colectivos ecoloxistas advirten de que aínda queda moito traballo por facer.

Que che parece esta nova?
48 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Catoira, Palas de Rei, Rede Natura, Natureza...