Nace Onda FIOT para facer accesibles experiencias de teatro sonoro

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo engadirá esta oferta a través da súa web

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo engadirá esta oferta a través da súa web
Os encontros da escola do espectador tamén se gravarán para incorporalos a este repositorio sonoro Fonte: FIOT
Escoitar teatro, xa sexa obras lidas, interpretadas para ser escoitadas nunha ruta polas rúas ou encontros sobre sobre o propio feito teatral, será o motivo para achegarse a Onda FIOT, un novos espazo no sitio web do Festival Internacional Outono de Teatro - FIOT - de Carballo que se engadirá nas vindeiras semanas como unha das novidades da súa vindeira edición, que se celebrará do 30 de setembro ao 31 de outubro. A través de Onda FIOT o festival fará accesibles as iniciativas de teatro sonoro promovidas polo festival ao longo destes últimos anos. O obxectivo desta Onda FIOT é crear un espazo de referencia para que estas creacións estean dispoñibles, dun xeito estable, ao longo de todo o ano.

Así, o público poderá escoitar, por fin e desde calquera dispositivo, as últimas obras gañadoras do Certame do Teatro Lido; as ficcións sonoras do FIOT Fónico -'A lúa, válvula de spray' e 'O espello que arde'- que permitiron ao público, en plena pandemia, gozar gratuitamente de obras de teatro de autoras da Costa da Morte a través do teléfono móbil e tiñan, como escenografía, as rúas Carballo; ou mesmo a Escola do Espectador, iniciativa pioneira no seu día en Galicia e que este ano dará un paso máis na súa traxectoria. Coa volta da presencialidade, volveranse celebrar espazos de diálogo e reflexión arredor das dramaturxias para xerar, á vez, unha nova ferramenta crítica e contemporánea: A Escola do Espectador nas Ondas, que se gravará ao vivo en Carballo, en formato podcast, durante as fins de semana de outubro da man de voces especializadas en artes escénicas. Estes capítulos ou novos arquivos sonoros estarán dispoñibles tanto na web do festival como noutras plataformas dixitais.

Ligazóns