
O bloque de artigos da publicación arranca cun de Rosa Brañas titulado 'Que foi dos Galigrecos? Apuntes de xeografía protohistórica de Galicia'; outro do propio Xosé Ramón Campos sobre a política inmigratoria venezolana de 1958 a 1990 e outro de Antón Costa sobre 'Luís Soto Fernández: o mestre rebelde... e exiliado'. Séguenlle textos sobre temáticas como a política de infraestruturas do transporte en Galicia; a factoría de salgadura romana da praia do Naso; as iconografías do teatro medieval e iconografías do cine dos pioneiros; Cuba a través da revista Unión Iberoamericana e a xeopolítica da covid-19 en Cuba. Outros aspectos abordados son os factores determinantes da demanda do produto turístico litoral galego; o castelo medieval do Formigueiro; a fuxida do exilio republicano cara Latinoamérica e a evolución cronolóxica da cerámica de finais da Idade do Ferro na conca media do río Miño. Para pechar este bloque de artigos, José Ramón Sánchez realiza unha aproximación aos restos arqueolóxicos da canteira de pedras de Molienda de Carchuna; Carlos Sixirei fala da covid e Bolsonaro e Raúl Soutelo reflexiona sobre a actuación sociopolítica en Galicia dos emigrantes retornados de Cuba (1900-1936).



