O CDG abre a tempada teatral con fútbol

A nova produción ' Recortes, caneos e outras formas de driblar' aborda as caras visibles e ocultas deste deporte

A nova produción ' Recortes, caneos e outras formas de driblar' aborda as caras visibles e ocultas deste deporte
Presentación do espectáculo en Roxos, no campo de fútbol do Villestro. Foto: Agadic
O campo de fútbol do Villestro (Roxos) foi o lugar escollido para a presentación da que será a a seguinte estrea do Centro Dramático Galego, en coprodución con Ainé Producións: ' Recortes, caneos e outras formas de driblar'. O vindeiro 29 de setembro o Salón Teatro de Santiago de Compostela acollerá as primeiras representacións deste espectáculo que abordará tanto a dimensión visible como a cara oculta do mundo do fútbol. A dramaturxia de José L. Prieto levada a escena coa dirección de Tito Asorey, mestura xornalismo, deporte e teatro nunha proposta escénica que xorde dun libro aínda inédito de Nacho Carretero, autor tamén de 'Fariña'.

A peza propón desde a escena un traxecto lúdico, crítico e musical polo complexo mundo que arrodea a este gran deporte de masas, no que conflúen emocións individuais e sentimentos colectivos de pertenza, mais tamén todo tipo de intereses: económicos, deportivos, sociais, televisivos, etc. 'Recortes, caneos e outros formas de driblar', que permanecerá no Salón Teatro de Santiago de Compostela ata o 23 de outubro para logo xirar ata febreiro por outros escenarios. aborda o fútbol dende múltiples perspectivas. Así, achegará a través dun de tantos partidos un retrato escénico dos protagonistas, dos secundarios e mais dos figurantes que participan no grande espectáculo futbolístico: xogadores, adestradores, xornalistas, árbitros, directivos e seareiros. Todos estes personaxes están representados sobre as táboas por un elenco, formado por seis intérpretes: Xosé A. Touriñán,, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta. O equipo artístico deste espectáculo complétase con Vadim Yukhnevich ao cargo das composicións musicais, José Faro Coti asinando a escenografía, Laura Iturralde como responsable da iluminación e mais dos audiovisuais, Laura Baena á fronte do vestiario e Sara Rey na axudantía da dirección.

Xira comezando no FIOT
O primeiro destino da xira será o Pazo da Cultura de Carballo para clausurar o Festival Internacional Outono de Teatro-FIOT o 31 de outubro, ao que seguirán o Auditorio Municipal de Ourense (4 e 5 de novembro), o Teatro AFundación de Vigo (11, 12 e 13 de novembro), o Pazo da Cultura de Narón (25 e 26 de novembro), o Auditorio Sede Afundación de Pontevedra (10 e 11 de decembro), o Auditorio Municipal dde Cangas (23 de decembro), a Casa da Cultura de Burela (7 e 8 de xaneiro), o Auditorio Gustavo Freire de Lugo (13 e 14 de xaneiro), o Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa (20 e 21 de xaneiro), o Teatro Colón da Coruña (26, 27 e 28 de xaneiro) e o Auditorio Municipal de Ferrol (3 e 4 de febreiro).

Esta montaxe do Centro Dramático Galego e Ainé Producións será o primeiro espectáculo que se estree durante a temporada 2022/2023 da unidade de produción teatral dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. As outras dúas propostas son 'Shakespeare en Roma', con catro equipos de dirección, e 'Un hotel de primeira sobre o río', que leva a escena o texto de Xohana Torres codirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres. Con este trío de producións, que representan un investimento superior aos 600.000 euros, contrataranse 18 intérpretes durante un novo período de actividade no que se continuará apostando pola pluralidade de estilos e formatos. A previsión é realizar 110 funcións en total, cun modelo de distribución diferente para cada montaxe, cos obxectivos de chegar á maior cantidade de público posible e de crear novas audiencias.