Varsovia acolle o Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos

Celébrase entre o 21 e o 23 de setembro coa conexión entre disciplinas como eixe

Co lema Abrindo rutas, expandindo camiños. Novas perspectivas e interseccións nos estudos galegos, Varsovia acolle na mañá deste 21 de setembro apertura do XIII congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos. A cita, que reúne os principais nomes da investigación sobre a nosa cultura desde o campo das humanidades en todo o mundo, celébrase ata o vindeiro día 23 na sede da universidade da capital polaca.

O eixe desta xeira é "explorar o xeito no que os traballos de investigación innovadores e renovadores na área dos estudos galegos están a fomentar o diálogo entre disciplinas académicas e entre representantes da cultura". Entre outros contidos, o encontro abre as súas portas coa presentación dos traballos para a elaboración do Dicionario Histórico e Etimolóxico da Lingua Galega, que protagoniza tres conferencias a cargo de María Dolores Sánchez Palomino, Manuel González e Xosé María Gómez Clemente.

O Consello da Cultura Galega organiza o panel do congreso dedicado á internacionalización, que se centrará na tradución como ferramenta para a proxección exterior da nosa cultura. No encontro participará Aleksandra Jackiewicz, da Universidade de Varsovia, a abordar a poesía de Adam Zagajewski en galego e en español. María Filipowicz-Rudek, pola súa banda falará sobre o diálogo intercultural do noso país coa Galicia polaca, e Kathleen March centrarase na importancia de traducir, dixitalizar e espallar a literatura galega. Pecha o panel María Reimóndez, co relatorio "Autora traducida, tradutora de autoras: reflexións sobre a internacionalización da literatura galega dende a teoría e a práctica feminista e decolonial da tradución".

Outros temas que protagonizan o encontro son a Emigración e a súa relación coa lingua e coa literatura, os camiños de Santiago, a literatura galega contemporánea, a edición literaria en Galicia, as posibilidades da intelixencia artificial para o léxico,ou as identidades e ideoloxías na sociedade galega actual, entre outras cuestións.

Para alén dos contidos máis académicos, o programa da cita conta cun concerto de Sés e, da man do Consello da Cultura, a proxección do filme Longa noite de Eloy Enciso e mais a exposición Galicia imaxinada, que retrata a Galicia dos emigrantes a través de vinte paneis. Tamén se celebrará no seo desta cita a asemblea da Asociación Internacional de Estudos Galegos.