O MUMI servirá de escaparate para vinte propostas musicais galegas ou lusas

O encontro profesional da Eurocidade Tui -Valença comeza o 29 de setembro

O encontro profesional da Eurocidade Tui -Valença comeza o 29 de setembro
MUMI 21
Vinte directos doutras tantas bandas e artistas están programados no terceiro encontro profesional Músicas no Minho - MUMI 2022, que se celebrará do 29 de setembro ao 1 de outubro na Eurocidade Tui- Valença. Dez nomes de Galicia e outros dez de Portugal amosarán ao público, profesional e tamén xeral, a diversidade de propostas musicais que conviven na escena actual. A organización do MUMI 2022 presentou a programación de showcases e avanzou que durante o encontro, a oferta para profesionais desenvolverase no Teatro Municipal de Tui e no Espazo OFF da Academia de Música da Fortaleça de Valença, mentres que os concertos abertos ao público terán lugar na Avenida da Estaçao de Valença e no Paseo da Corredoira de Tui. O artista portugués Omiri e o proxecto galego de Xosé Lois Romero & Aliboria serán os encargados de ofrecer o concerto de apertura do MUMI 2022 o xoves 29 de setembro na Avenida da Estaçao de Valença.

Brais Morán & Nasafunk, Brassica Rapa, Caamaño & Ameixeiras, Caldo, Golfiños, Momboi, Mounqup, Neboa, Xan Campos Trío e Xosé Lois Romero & Aliboria, conforman a relación dos showcases galegos programados. No caso de Portugal, as bandas seleccionadas son tamén dez: Birds are indie, Crua, 47 de Fevereiro, Dapunksportif, Kumpania Algazarra, Manuel Maio, Meta, Omiri, Raia e Space Ensemble. O MUMI 2022 pecha deste xeito a selección de artistas e bandas que participarán no encontro profesional ao redor das músicas de Galicia e Portugal do 29 de setembro ao 1 de outubro na Eurocidade Tui-Valença. Das novas abordaxes da música tradicional á electrónica esencial, pasando polo jazz, o funk e o pop de autoría, os vinte showcases programados recollen a variada escena de ambas beiras do Miño. A maioría dos vinte concertos programados no MUMI estarán tamén abertos ao público xeral.

Outras actividades do programa
Ademais dos showcases, haberá tamén un programa de faladoiros nos que se van tratar temas como o Financiamento Público para proxectos culturais, no que se falará de redes de financiamento, circuítos institucionais e apoios públicos; As relacións entre axentes culturais e representantes políticos, no que se debaterán as dificultades na relación dos planos político e técnico en relación ás programacións culturais; o Estatuto profissional da cultura, comparando a situación actual en Galiza e Portugal, diferencias que tamén serán analizadas na palestra Riscos Laborais nos eventos musicais (PT - GZ); o Papel dos medios de comunicación nas promocións artísticas, sobre os retos de futuro á hora de promocionar proxectos artísticos nunha era dixital; e Proxectos transfroiterizos Galiza -Portugal, con exemplos inspiradores dos dous países.

A xornada do sábado estará dedicada a visibilizar o traballo das administración locais de ambas beiras do Miño no ámbito musical. Como mostra desas iniciativas, o MUMI acollerá o Festival Minho Transfronteirizo, que pechará esta edición do encontro e no que participarán catro propostas musicais con base en Valença e Tui. Trátase dunha das novidades deste ano e está encamiñada a construír un espazo de traballo entre as administracións da Eurocidade e a comunidade profesional do MUMI, ofrecéndolles a artistas e bandas locais a oportunidade de mostrar o seu traballo a unha importante representación do sector musical de Galicia e Portugal. Con esta iniciativa, o MUMI pretende xerar un retorno na comunidade onde se celebra o encontro e achegar un valor engadido ás iniciativas locais en materia de música.

Ligazóns