Ferrol ingresa na rede europea de cidades con patrimonio naval e militar

A irmandade das cidades do mar

Ferrol acolleu desde o domingo a xuntanza anual da Rendoc (Rede europea de cidades con patrimonio naval e militar), asociación da que a cidade era colaboradora. Desta xuntanza, que rematou onte, saíu o ingreso oficial de Ferrol na rede, así coma o apoio desta asociación á candidatura das fortificacións militares ferrolás a ser declaradas patrimonio da humanidade. Logo desta xuntanza Ferrol entra a formar parte tamén do programa europeo "Cidades do mañá", que pretende favorecer o desenvolvemento das cidades con presencia militar e naval e potenciar a integración destas instalacións na vida civil.

Rendoc falou

Representantes das cidades de Karlskrona (Suecia), Rochefort (Francia), Portsmouth e Medway (Reino Unido) e San Fernando (España), cidades integrantes do Rendoc onda a finlandesa Suomenlinna, visitaron durante o domingo Ferrol para coñecer in situ as súas instalacións navais e militares.
O presidente de Rendoc, o sueco Bjvrn Fries, declarou sentirse "impresionado" pola cidade, especialmente polos estaleiros e o Museo Naval.
Logo da visita, na mañá de onte comezou a xuntanza de traballo da asociación, na que se analizaron as posibilidades de revalorización dos aspectos navais e militares que comparten todas estas cidades. Así, durante a mañá desenvolvéronse obradoiros e xuntanzas, e pola tarde falouse sobre a elaboración de bancos de datos e listas de instalacións da Armada nestes lugares. Ademais discutiuse a organización do proxecto "Cidades do mañá" no que participará Ferrol.
Da xuntanza tamén saiu o nome das dúas novas cidades que ingresan na rede, que son Ferrol en Galicia e Birgo en Malta. Ata o de agora Ferrol tiña únicamente o estatus de cidade colaboradora a rede. Ademais, a asociación realizou unha declaración de apoio á candidatura a Parimonio da Humanidade do conxunto naval e militar da Cidade Departamental.











Cidades do mañá


Co ingreso de Ferrol nesta asociación, a cidade intégrase no proxecto europeo "Cidades do mañá", que pretende realizar un fondo estudio, en colaboración con universidades de distintos países, das posibilidades de futuro destas cidades. Dase a circunstancia de que moitas destas poboacións viron desaparecer nas últimas décadas unha presencia militar que durara séculos e que se convertira nun dos seus principais motores económicos. Así, con este proxecto preténdese estudiar as posibilidades de aproveitamento das antigas instalacións militares e navais para emprego civil e como polo de desenvolvemento turístico e cultural.
O proxecto, que está pendente dun orzamento de 1,8 millóns de euros provinte da Unión Europea, ten unha duración estimada de tres anos de estudio, a partir dos cales se comezaría a aplicar as conclusións dese estudio nas diferentes cidades participantes.