A arxentina María Rosa Lojo incorpórase á RAG como membro de honra

O acto de ingreso celébrase este 28 de setembro na sede da institución

O acto de ingreso celébrase este 28 de setembro na sede da institución
María Rosa Lojo. Fonte: RAG
Tiveron que pasar case tres anos desde o seu nomeamento para que a escritora arxentina María Rosa Lojo puidese executar a súa incorporación á Real Academia Galega. Foi en decembro de 2022 cando o pleno da institución escolleu esta escritora, de ascendencia galega, como membro de honra. Este 28 de setembro realizarase o acto oficial de ingreso na RAG, nun acto que se desenvolverá na sede da entidade na Coruña.

Lojo lerá nesa ocasión o seu discurso de ingreso Unha galega filla en Buenos Aires, que será respondido polo propio presidente da RAG Víctor F. Freixanes. O acto está aberto ao público e poderá seguirse tamén polas redes da Academia.

Segundo salienta a institución, a nova académica de honra "conta cunha salientable traxectoria tanto como experta en literatura como autora dunha destacada obra creativa que a converteu nunha das escritoras arxentinas máis internacionais", cunha voz "profundamente vencellada a Galicia. A emigración e o exilio son constantes por igual nos seus textos autobiográficos e de ficción e nos ensaios de investigación, á procura da restauración do legado galego no imaxinario arxentino como imprescindible elemento fundador da súa nacionalidade". Alén do seu labor literario a nova académica "desenvolve tamén unha tarefa de divulgación constante entre a colectividade galega en Arxentina e en foros especializados internacionais".

O seu traballo valeulle recoñecementos como o Premio de Poesía da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires (1984), o do Instituto Literario e Cultural Hispánico de California (1999), o Premio á traxectoria en Literatura da asociación Artistas Premiados Arxentinos ou o Gran Premio de Honra 2018 da Sociedade Arxentina de Escritores.