O VII Fugas e Interferencias repasa as tendencias internacionais na performance

O congreso celébrase en Pontevedra e Compostela entre os días 16 e 18 de setembro

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
O VII Fugas e Interferencias repasa as tendencias internacionais na performance

A sétima edición do congreso internacional Fugas e Interferencias volta para analizar as últimas tendencias internacionais no campo da performance artística. Unha vintena de especialistas vidos de cinco países reúnense neste encontro anual que organizan a Universidade de Vigo e o Centro Galego de Arte Contemporánea entre os días 16 e 18 de setembro coa súa sede repartida entre a Casa das Campás Pontevedra e a sede do CGAC en Compostela.

Segundo explica a organización, o encontro achegará "reflexións teóricas sobre a historiografía da arte de acción, as posibilidades da performance como elemento pedagóxico, as interrelacións entre esta disciplina e a danza conceptual ou o seu uso no activismo cultural, político e de xénero".

Nas seis mesas que fan parte do programa abordaranse "aspectos de activismo cultural, político e de xénero, reflexións teóricas sobre a historiografía da arte de acción ou aspectos filosóficos que poñen en cuestión a ideoloxía das narrativas documentais", ademais de tratar a acción como obxecto e como dispositivo pedagóxico, e de atender á interrelación coas artes escénicas experimentais no ámbito sonoro ou en relación coa arte conceptual, sinala a organización.

Ademais de reflexións teóricas, a cita conta no seu programa coa presentación de dúas performances o día 16 a cargo do Colectivo Refugallo e Yolanda Herranz.

Que che parece esta nova?
80 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Pontevedra, Universidade de Vigo, Xénero, Artes Escénicas...