Carlos Neira gaña o VI Concurso Balbino de Relatos

A obra 'A comuna de Valdonelle" ficciona unha experiencia comunal no rural

A obra "A comuna de Valdonelle" de Carlos Neira Suárez (Mugardos, 1950) ven de ser designada gañadora da sétima edición do Concurso Balbino de Relatos, que convoca Edicións Fervenza. coa colaboración da Xunta, Deputación, Fundación Xosé Neira Vilas e os concellos de Boqueixón, Silleda e Vila de Cruces. O relato gañador foi elixido por unanimidade do xurado de entre as obras presentadas. O xurado quixo destacar do texto premiado a súa solvencia narrativa ademais da capacidade para "reflectir o complexo mundo das relacións interpersoais a través dunha ficción que propón a construción dunha sorte de comuna societaria no rural, coas tensións que isto desata e o que de experimento social espella", segundo eles. "A comuna de Valdonelle", en opinión do xurado do certame, "invitará ao lector ou lectora á reflexión sobre o neorrural, cada vez con máis frecuencia habitado por urbanitas de orixe, que procuran nel novos espazos e xeitos de vida". Carlos Neira obterá por este galardón 1.500 euros e a publicación da obra.