José Luis Baños de Cos volve gañar o Premio Roberto Vidal Bolaño

O autor gaditano afincado en Galicia repite neste certame que xa gañou en 2020

8/9/2022 | Santiago. Redacción | Seccións: TeatroLiteratura

Jose Luis Baños de Cos Fonte: Editorial Galaxia ©Eva Camba.

O nome de José Luis Baños de Cos (Jerez de la Frontera, 1977) leva uns anos asociado aos palmarés de certames de textos teatrais. Neste caso o autor afincado en Galicia recunca no Premio de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño, que xa acadou fai dous anos, en 2020. Nesta V edición do certame convocado polo o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia o xurado ven de ditaminar por unanimidade a súa elección da obra "Lume' , que unha vez aberta a plica resultou ser autoría de Baños de Cos. Este certame, que nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario, ten un premio único de 2.000 euros.

Que che parece esta nova?
57 lecturas 0 reaccións
Compartir:

O Xurado desta edición estivo formado polo dramaturgo Ernesto Is, a actriz Cecilia Vázquez Martínez, Delio García Represas, profesor do IES Ribeira do Louro, e Raquel Castro, como secretaria. Na súa resolución o xurado expresa que 'Lume' é unha obra moi acaída pola temática e pola linguaxe empregada para a súa representación ou lectura nos centros de ensino secundario. Destacan tamén da peza "que sexa unha obra que aborda o tema das diversas violencias sociais, como a homofobia ou a violencia de xénero, das que todos os personaxes sofren as consecuencias". A escrita, ditamina o xurado, conta cunha dramaturxia que mestura relato e drama, dálle relevancia ás partes grupais, onde a xeito de coro clásico agroma a conciencia social.


Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Roberto Vidal Bolaño, ESO, Bacharelato, Ensino...