A Academia de Belas Artes fai unha convocatoria aberta para incorporar novos membros

O DOG recolle o anuncio para cubrir catro vacantes de académica/o correspondente

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:

As persoas interesadas en se incorporar á Real Academia Galega de Belas Artes teñen unha oportunidade ata o vindeiro 6 de outubro. O Diario Oficial de Galicia publicou o anuncio polo que esta entidade anuncia a provisión de catro prazas vacantes para o posto de académica/o correspondente.

O proceso de selección está aberto a persoas que desen a coñecer "os seus méritos artísticos, científicos e culturais", as cales deberán remitir o seu currículo á sede da institución. Das solicitudes recibidas, o plenario da Academia fará a súa selección entre aquelas que sexan propostas por cadanseus tres académicos de número,

Este posto, segundo recollen o estatutos da entidade, concédeselle "ás persoas que, calquera que sexa a súa residencia, xulgue acredoras a esta distinción, polo mérito dos seus traballos artísticos ou de investigación, ou sexan obxecto dun intercambio con outras academias, valorando, en todo caso, a súa vinculación con Galicia".

Os membros correspondentes "poderán asistir ás sesións da Academia a que sexan convocados, con voz pero sen voto", ademais de poder contribuír con estudos aos labores desta entidade. As persoas seleccionadas "poderán exhibir, como atributo da súa pertenza á Academia, a mesma medalla en prata e recibirán o diploma correspondente asinado polo presidente e o secretario da corporación".

Na actualidade a entidade conta con sete membros correspondentes, Fernando Cebrián del Moral, Carlos Barcón Collazo, Felipe Arias Vilas, Juan Antonio Rodríguez-Villasante Prieto, José Torres Casal, Ángeles Penas Truque e Fernando Agrasar Quiroga, segundo recolle o seu web.

Que che parece esta nova?
62 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Belas Artes, Academia de Belas Artes, Real Academia Galega de Belas Artes, Plenario