Sheila Patricia seleccionada para actuar no WOMEX de Lisboa

A AGADIC apoiará esta actuación e a presenza de promotoras galegas na feira internacional da World Music

Sheila Patricia actuará no Lusofónica Stage da 28ª edición de Womex, a Worldwide Music Expo, que se celebrará en Lisboa do 19 ao 23 de outubro. Neste multitudinario encontro internacional a artista redondelá ofrecerá un concerto levando os temas do seu disco 'Orixe', o seu primeiro LP e tamén o seu proxecto máis ambicioso e persoal, no que aposta polas súas raíces musicais con tinguras de vangarda e mesmo ritmos de world music, confirmándose como unha das voces máis prometedoras do actual panorama musical galego. Sheila Patricia foi seleccionada por parte do xurado internacional para actuar no Lusofónica Stage, escenario que acolleu ás Tanxugueiras na edición celebrada o ano pasado no Porto.

A Axencia Galega das Industrias Culturais colaborará cdon esta actuación da artista galega ademais de dar apoio á ducia de promotoras acreditadas para o encontro que van desprazarse ata a capital lusa. Ao tempo, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a preparar as accións coas que reforzará a presenza das promotoras galegas neste encontro itinerante, considerado o maior acontecemento internacional para a difusión da música de raíz de todo o mundo e que en 2022 regresa a Portugal por segundo ano consecutivo.