A Xunta activa no Hub audiovisual unha nova liña de subvencións a equipamentos técnicos

Ata 1,3 millóns de euros dedicaranse para a modernización de equipos ou ferramentas dixitais do sector cultural

5/8/2022 | Santiago. Redacción | Seccións: Políticas Culturais
25 lecturas | Compartido 0 veces

O Consello da Xunta ven de dar luz verde a unha nova liña de subvencións ao abeiro do Hub audiovisual da industria cultural, que desta volta activa un fondo de 1,3 millóns de euros para impulsar a modernización e a competitividade do conxunto do sector cultural galego mediante a adquisición de equipamentos técnicos por parte de empresas privadas e traballadores autónomos. En concreto, está prevista a concesión de ata 100.000 euros por cada proposta subvencionada para a compra de equipamentos e outros activos fixos materiais vinculados á actividade principal do solicitante, de activos fixos inmateriais, como a activación de Licenzas informáticas destinadas ao proceso produtivo, ou de servizos de software, así como para a adecuación dos espazos físicos cara á instalación dos equipamentos.

O financiamento para estas axudas parte do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE. A intensidade da axuda poderá alcanzar o 80% do gasto subvencionable dos proxectos de investimento beneficiarios, que deberán ter un orzamento mínimo de 25.000 euros en cada caso. Esta convocatoria extraordinaria será publicada proximamente no Diario Oficial de Galicia e a ela poderán optar, en réxime de concorrencia non competitiva, tanto persoas físicas (autónomas) como empresas privadas que desenvolvan a súa actividade principal de xeito habitual en Galicia. O raio de acción esténdese á meirande parte dos ámbitos culturais, coa excepción das salas de cine, de artes escénicas ou de música, que xa contan con liñas especificas de subvencións neste mesmo sentido.

Universo culturagalega.gal

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Feder, Artes Escénicas, Diario Oficial de Galicia, Cine