Poucas veces unha data tan redonda pode ser ao mesmo tempo tan triste. Lugo celebra neste 2003 as vodas de prata do evento cinematográfico máis continuado e antigo da cidade: a Semana de Cine de Autor. E a celebración chega coa advertencia por parte do colectivo Fonmiñá de que pode ser a última. ¿Os motivos? Puramente económicos.
“O ano que vén celebraremos a 25 edición e queremos que sexa ao grande” deste xeito Manuel Curiel, director do certame, advertía o ano pasado do que sería a edición deste ano. Sen embargo, hoxe as súas declaracións xa non son tan optimistas nin tan positivas. “O colectivo Fonmiñá estaría disposto a continuar outros 25 anos máis, pero con este presuposto non se pode”.
E ese orzamento son 36.000 euros, precisamente a mesma cantidade coa que levan dispoñendo o festival e iso que conta co patrocinio da Consellería de Cultura, da Deputación de Lugo, do Concello, de Caixa Galicia e da Universidade de Santiago. Pero nin rascando entre todos os petos se pode conseguir unha achega superior. E Manuel Curiel non deixa de mirar para outros lados “eu non pido o orzamento que ten Ourense (a edición do ano pasado foi de 240.000 euros) pero si a metade”. E se as cousas seguen así, a edición XXV será a última que o colectivo organice en Lugo.
O que se programa cos cartos
“Porque é de Lugo, porque está no máis alto da fama cinematográfica e porque é unha homenaxe merecida” son, segundo Manuel Curiel, os motivos que fan que este ano a Semana de Cine de Autor se centre na figura de Luís Tosar. “Flores doutro mundo”, “Celos”, “Sei quen es”, “Bicos para todos” e “Os luns ao sol” son as longametraxes programadas que se exhibirán na aula de Caixa Galicia e que se completarán cun ciclo de outros cinco curtametraxes. O actor lucense non estivo na inauguración do festival, porque presentaba no Festival de San Sebastián as dúas últimas longametraxes en que traballa, pero é posible que asista a algunha das proxeccións previstas para o xoves. Os que si estarán, anuncia Manuel Curiel, son o actor Jaiver Veiga e o director Jorge Coira, quen está a rodar estes días a súa primeira longametraxe “O ano da carracha”.
O programa complétase co ciclo documental, que inclúe “O efecto Iguazú”, “Bloody sunday” e “Bowling for Columbine” e coa sección oficial que proxectará “As mulleres de verdade teñen curvas”, “Un home sen pasado” e “A lousa”, entre outras películas. Como é habitual estará tamén a sección “O mellor do 2002” na que se engloban “Sweet sixteen”, “As irmáns da magdalena”, “The good girl”, “8 mulleres”, “Auga morna baixo unha ponte vermella” e “Cidade de Deus”. Proxeccións que se desenvolverán, como vén sendo habitual, no auditorio municipal Gustavo Freire e no salón da Fundación Caixa Galicia.
Unha historia paralela
A historia da Semana de Cine comezou coas inquietudes dun grupo de mozos afeccionados ás artes plásticas e á cinematografía que, reunidos baixo o nome de Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, decidiron crear un evento estable anualmente para poder ver filmes que non chegan ás carteleiras. Co paso do tempo, e gracias á achega de Luís Álvarez Pousa, o festival adoptou a etiqueta “de autor”, que lle daría un toque diferenciado e personalista con respecto a outros certames. Desde entón a semana de cine conta sempre cun protagonista destacado. O ano pasado non foi unha autora, senón un concepto, “as mulleres detrás da cámara”, que lle deixou o relevo este ano a Luís Tosar, omnipresente no sector audiovisual galego.
O director do certame Manuel Curiel destaca, sobre todo, que “é un cine que non se acostuma ver en Lugo e que é inédito nas nosas carteleiras”. E para repasar toda a súa historia, porque non ha de ser todo cine, o auditorio municipal ofrecerá unha exposición que recorda os 25 anos de historia.

