Celanova lembra cunha homenaxe os anos en que acolleu unha prisión para represaliados polo franquismo

Os anos da cadea

Hai acontecementos que mudan a vida dun pobo. Celanova, a pequena vila ourensá, viviu un período que quedou marcado na memoria da poboación. Desde 1936 e ata 1943, o mosteiro de San Salvador converteuse nunha prisión para os presos políticos do franquismo. Isto supuxo durante moito tempo abondosas mudanzas do día a día dos veciños ao tempo que vencellaba o nome de Celanova a moitas vidas. Agora, desde o Concello queren conmemorar aqueles tempos e lembrar os presos, as súas familias e os veciños que os acolleron.

A rápida victoria da rebelión militar en Galicia fixo que as novas autoridades precisasen habilitar con urxencia lugares en que recluír o crecente número presos políticos, primeiro do noso país e despois traídos de diferentes lugares do Estado, fundamentalmente de Asturias. Foi deste xeito como o mosteiro de San Salvador comezou a cumprir as funcións de prisión provisional. En 1938 transformábase xa nunha Prisión Central, cun funcionamento autónomo da Cadea Provincial de Ourense, e pasaba a acoller presos políticos con sentencias firmes. Unha media de 1300 prisioneiros ao ano entre 1938 e 1943, e aínda que non hai datos sobre os primeiros vintecatro meses de actividade, calcúlase en aproximadamente 10.000 o número total de reclusos que pasaron polo penal. A eles hai que engadir os funcionarios e soldados encargados de traballar na prisión, e que se calculan en arredor de duascentas persoas. Ademais, Celanova acollía habitualmente os abondosos familiares de presos que se achegaban para visitalos a un lugar que ata entón non saberían situar no mapa. Deste xeito, unha vila que roldaba daquela os 2500 habitantes. “Había tanta xente dentro coma fora”, apunta Antonio Piñeiro, técnico de cultura do concello, “e a nivel de vida social foi unha auténtica convulsión”.


Todos cos presos
”Houbo casos de xente que naceu aquí porque as súas nais viñeron traballar a Celanova para ver a familia”, lembra Piñeiro. “Tamén se celebraron varios casamentos de parellas que estaban casadas polo civil e que realizaban a cerimonia relixiosa porque así redimían parte da pena”. A relación da poboación de Celanova cos presos e familiares foi intensa. Os veciños da vila achegaban a miúdo comida á prisión, conscientes da fame que se pasaba no interior. Tamén proporcionaron aloxamento temporal e mesmo traballo a algúns dos familiares que tentaban quedar preto dos seus seres queridos, e chegaron a establecerse vencellos de amizade entre familias celanovesas e foráneas.
Varias das pensións da vila coma a Amadora e a Cabaco convertéronse en auténticos centros desde os que se mesmo se xestionaban visitas á cadea.

Desde dentro
As condicións de vida no penal eran moi difíciles. “Durmíamos sobre as pedra e non tiñas ningún tipo de dereitos”, lembra Elixio Rodríguez, un antigo inquilino da prisión. De todos os presos morreron oitenta e catro durante o cativerio por razóns tan diversas, segundo os partes médicos, coma tuberculose, hemorraxia cerebral, pleuresía ou gastroenterite. Desde o concello recoñecen que si se produciron execucións na cadea, fundamentalmente no período previo a 1938, que eran rexistradas coma “traumatismos craniais”. “O recordo dos presos e dos familiares desta prisión non foi tan malo”, lembra Piñeiro, “foi unha prisión ben máis benévola que a de Burgos ou a do Puerto de Santa María. Ademais todas as testemuñas que atopamos falan do bo trato dos veciños, que ligaron o nome de Celanova a valores de solidariedade”.

A homenaxe
“Hai anos xa que andabamos coa idea de que Celanova tiña que botar unha ollada para atrás. Estaba na memoria colectiva desde que aconteceu, e era recorrente nas historias que pasaban de pais a fillo. E ao ver que se cumpría unha cifra un pouco redonda como son os sesenta anos do peche, pensouse en aproveitar e organizar unha homenaxe”, sinala Piñeiro. Esta homenaxe concretouse finalmente durante esta fin de semana. Entre os actos, a celebración dun xantar colectivo no claustro que serviu de prisión, a descuberta dunha placa conmemorativa ou a lectura da declaración institucional realizada polo concello. Ademais, organizouse unha mesa redonda sobre a vida na antiga prisión e presentouse o libro “Prisión Central. Celanova (1939-1940)”, edición facsímile realizada por Xesús Alonso Montero do caderno en que un preso debuxaba o seu contorno e no que recollía mensaxes de agarimo dos seus compañeiros. Ata trinta dos inquilinos que ocuparon a cadea achegáronse paraa lembrar aqueles anos en que Celanova marcou as súas vidas.


Persoas e cousas
Dentro dos actos de conmemoración chaman especialmente a atención a entrega dun recordo do peche da prisión aos representantes dos tres colectivos que se viron máis afectados por aqueles oito anos de prisión, os propios presos, os seus familiares e os veciños da vila. Deste xeito, polos presos estivo presente Elixio Rodríguez, orixinario de Bande. Como representante dos familiares dos presos estará Rodolfo Burgos, armador que lle puxo a un buque o nome de “Celanova” en lembranza do lugar onde estivera preso seu pai, Luís Burgos. Pola banda dos veciños recibiron a homenaxe as dúas fillas dos donos da pensión Amadora. Ademais desta homenaxe, montouse tamén unha exposición en que se poden ver as postais orixinais realizadas por Luís Burgos para enviar á súa familia. Representacións da zona e debuxos de personaxes coma Popeye ou Betty Boop para os seus fillos ilustraban as tarxetas que este preso enviaba á súa familia, xa que as normas impedíanlle mandar cartas pechadas. Tamén se poderá ver o padrón municipal de 1938, no que se inscriben os reclusos que chegan á prisión, e onda el o de 1943, no que se dan de baixa todos co peche do penal. Finalmente, a mostra inclúe as escasas fotografías da cadea, entre as que se atopa unha colectiva de máis de cen presos realizada por un fotógrafo da vila.

Expresións literarias da homenaxe
Ademais desta homenaxe, a prisión de Celanova quedou inmortalizada en diferentes obras literarias ademais do libro que se presentou durante a homenaxe. Deste xeito existe un exhaustivo estudio sobre a historia da cadea, “Longa noite de pedra no mosteiro de San Salvador. Represión e Reclusión en Celanova (1936-1943)”, realizado por Domingo Rodríguez Teijeiro e que serviu como base documental para a organización desta homenaxe. Ademais, Elixio Rodríguez recolleu a súa experiencia dentro do penal en “Matádeo mañá”, libro de memorias editado por Xerais. Mesmo unha das obras finalistas no Premio Café Gijón de Novela, “Celanova 42”, trataba a infancia dunha nena que ten o seu pai metido neste penal.

Outros actos
De cara ao futuro, o concello pretende continuar os actos que lembren aqueles anos tan decisivos para Celanova. Como proxectos máis inmediatos está a idea de facer un irmandamento cun concello asturiano (comunidade da que eran orixinarios a maioría dos presos) ou a organización dun curso para o vindeiro verán en colaboración coa Universidade de Vigo que analice a situación da vila durante aquela época. É a conmemoración dun tempo que, aínda que non foi bo, quedou gravado na memoria colectiva de moitas persoas.