Unha mostra amosa en Bos Aires o diálogo de Luís Seoane entre a modernidade e a "tradición inestable"

Está organizada polo Consello da Cultura Galega e a Cidade de Bos Aires

Está organizada polo Consello da Cultura Galega e a Cidade de Bos Aires
Cen pezas procedentes de diferentes centros galegos e arxentinos converxen na exposición "Materiais Seoane. Entre Galicia e Arxentina", que desde hoxe se pode visitar no Museo Larreta de Arte Español de Bos Aires, ata o 27 de novembro. A mostra está organizada polo Consello da Cultura Galega e o Ministerio de Cultura da Cidade de Bos Aires e propón, en palabras da comisaria Silvia Dolinko, "un recorte dentro da vasta produción de Seoane", que inclúe todo tipo de soportes e formatos, co obxectivo de "comprender aspectos centrais do seu programa cultural, o seu compromiso intelectual, a súa vontade democratizadora da arte e o seu afán experimental". A vontade de pescuda no centro da produción intelectual de Seoane tamén foi recalcado polo outro comisario da mostra, Pablo García Martínez, que considera que o trazo fundamental da obra artística de Seoane foi a "constante tensión entre as linguaxes modernas ás que tiña acceso na trepidante Bos Aires e a vontade de diálogo cunha tradición que pensaba inestable, aberta sempre á renovación". Para a Presidenta do Consello da Cultura Galega, presente na inauguración, a mostra axuda a ter o "relato completo da esencia do artista: pluralidade, materialidade e experimentación".


O relato construído por Pablo García Martínez e Silvia Dolinko a partir de 90 obras que están en diferentes institucións galegas (Fundación Luís Seoane, Fundación Penzol, Biblioteca Cidade da Cultura de Galicia) e arxentinas (Museo Nacional de Bellas Artes, Museo de Arte Moderno de Buenos Aires, Museo de Artes Plásticas Eduardo Sívori, Museo de la Emigración Gallega, Museo Nacional del Grabado, Colección Centro de Estudios Espigas - Fundación Espigas e Colección Archivo Taller Albino Fernández) está agrupado en tres bloques. No primeiro, titulado "O expresionismo ácedo", amósanse obras coma Trece estampas de la traición (1937) e outras intervencións en revistas da época remarcando a súa postura antifascista, que permiten ver a tensión entre as diferentes abordaxes da figura humana que Seoane desenvolve na súa reposta aos contextos das décadas de 1930 e 1940. Baixo "Imaxes modernas" agrúpanse carteis, estampas, pinturas, libros e revistas dos anos cincuenta, nas que dominan as relacións de formas, cores e liñas para concretar unha imaxe sintética e de impacto visual. Son obras en que materializou o seu constante imaxinario sobre tipos populares. E en "Obra múltiple" é o bloque que permite ver as indagacións de Seoane respecto das relacións entre imaxe, forma, técnica e materia, trasladando ás veces as súas representacións dun a outro tipo de soporte.