O DOG publica hoxe unha resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola que se delega nos servizos de coordinación territorial das xefaturas territoriais da Xunta "o exercicio de determinadas competencias", que xa non serán exercidas directamente desde a sede da Xunta en Compostela. A Dirección de Patrimonio xustifica a decisión "co fin de evitar unha concentración excesiva do traballo e lograr unha maior axilidade administrativa que redunde en beneficio tanto da Administración como dos administrados". Trátase de "autorizar os proxectos de obras e intervencións que afecten os bens de interese cultural e catalogadors, declarados, nos que sexa preceptiva, asà como aqueles BICS que teñan aprobado un plan de especial de protección e a autorización das obras e intervencións de pequena entidade". A Xunta exclúe destas competencias as intervencións localizadas no "territorio histórico delimitado dos Camiños de Santiago, as que deban someterse á valoración da Subcomisión de Conservación da Igrexa Católica, as intervencións de revalorización dos bens arqueolóxicos, as ligadas a un programa de investigación arqueolóxica que non estean relacioadas cos proxectos de obras eas promovidas directamente pola Dirección Xeral". O proceso continúa o itinerario de descentralización iniciado pola Lei do Patrimonio Cultural de 2015. Serán estas delegacións territoriais as que deberán "adoptar, en caso de urxencia, as medidas cautelares necesarias fóra do ámbito dos procedementos sancionadores, para salvagardar os bens do patrimonio cultural de Galicia que se vexan ameazados".