Raquel Castro imponse no VI Torneo de Dramaturxia de Galicia

O público seleccionou a súa obra Xa están aquí!

O público seleccionou a súa obra <i>Xa están aquí!</i>
Imaxe do VI Torneo de Dramaturxia. Fonte: Mostra de Teatro de Cangas.
Raquel Castro fíxose coa VI edición do Torneo de Dramaturxia de Galicia, que se desenvolveu na noite deste 5 de xullo. A súa obra Xa están aquí!, interpretada por Salvador del Río e Eva Vila, foi seleccionada polo público que asistiu a este evento.

O certame, que organiza a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas en colaboración con DramaturGA, Asociación Galega de Dramaturxia, desenvolveuse nunha gala a partir de lecturas dramatizadas das obras finalistas realizadas por actrices e actores profesionais, entre as que o público asistente seleccionou o traballo gañador. Esther F. Carrodeguas actuou como mestra de cerimonias do evento.

Canda a esta obra, competían no certame Sopa de morcego, de Laura Porto e interpretado por María Francelina e Nuria Gullón; Flíper, de Cándido Pazó e interpretado por Anabel Budiño e Andrés Giraldez; e Viaxar é un pracer, de Antón Coucheiro, interpretado por Antonio Durán Morris e Avelino González.

Raquel Castro é licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Hispánica e presidenta da Asociación Teatral de Alxén dende 1999. Segundo explica a organización do torneo, "todas as súas obras están destinadas a ser interpretadas polo grupo de teatro infanto-xuvenil Ata Sempre de dita Asociación", e ten publicado varias nas editoriais Galaxia e Fervenza.