Bibliotecas, museos e arquivos autonómicos serán espazos de conciliación este verán

A Consellería de Cultura promove o Plan Corresponsables en doce espazos culturais

Cun orzamento de 270.000 euros, a Consellería de Cultura e mais a de Promoción do Emprego e Igualdade presentaban este 4 de xuño o Plan Corresponsables. A iniciativa pretende "ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica".

Ao abeiro desta proposta seis bibliotecas, tres arquivos e outros tres museos de titularidade autonómica achegarán "unha batería de actividades de conciliación" orientadas a persoas de ata 16 anos. Segundo o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o plan achega un servizo de conciliación "programado e estable para que os pais e nais poidan deixar aos seus fillos nunha contorna segura e ao coidado de profesionais cualificados para realizar actividades laborais, formativas ou persoais durante un período no que este servizo se fai especialmente necesario".

De xeito máis concreto, o programa prevé 40 actividades para máis de 1.300 persoas usuarias. No período estival desenvolveranse desde "campamentos ata obradoiros ou actividades adaptadas a distintos grupos de idade e relacionadas co ámbito cultural". Noutra liña de traballo, "poranse en marcha ata decembro actividades de animación á lectura, reforzo educativo, mellora de técnicas de estudo ou iniciativas asociadas ao ámbito cultural". A proposta entra en vigor precisamente cando as bibliotecas comezan o horario de verán que mantén fechados estes centros durante as tardes.

As actividades desenvolveranse nas bibliotecas públicas Miguel González Garcés da Coruña, de Lugo, Nós de Ourense, Antonio Odriozola de Pontevedra, Juan Compañel de Vigo e Ánxel Casal de Santiago de Compostela; os arquivos do Reino de Galicia na Coruña, Histórico Provincial de Ourense e Histórico Provincial de Pontevedra, e os museos do Castro de Viladonga, de Belas Artes da Coruña e Etnolóxico de Ribadavia.