Tres de cada catro internautas galegos pagan por consumir plataformas audiovisuais

Descende o número de nenos con teléfono móbil

Tres de cada catro internautas galegos pagan por acceder a unha plataforma audiovisual en liña. Un 66,7% da poboación consume audiovisual nas plataformas, nunha porcentaxe lixeiramente superior á media española, e un 27,5% consumen máis dunha hora diaria vendo vídeos en liña. Con todo, e nunha proporción superior á media estatal, seis de cada dez internautas galegos continúan lendo o xornal en papel. Os galegos tamén manifestan interese polo fenómeno crecente dos podcasts. Un 17% dos usuarios os escoita e mesmo en dúas franxas de consumo (de 15 a 30 minutos e de 2 a catro horas) é superior á media española. En xeral, en Galicia o volume de compras de produtos electrónicos en Galicia é superior (55,7%) en case dez puntos á media española e Galicia tamén destaca polo uso da banca electrónica. Porén, o estudo sinala que a cidadanía usa sobre todo produtos e actividades de balde, agás no caso dos produtos audiovisuais de plataforma. Un dato curioso é o descenso de 11 puntos no número de nenos con móbil ou ordenador. A tendencia sinala un baixada constante desde os datos de 2017.

Un dato pouco coñecido é o relativo aos indicadores ofrecidos por aqueles usuarios que escolleron responder ás enquisas en lingua galega (debían seleccionar en galego e castelán). Neses casos, observouse un comportamento diferencial con respecto ao conxunto: dedicaban máis tempo a participar en redes sociais, á compra de produtos culturais e á visita a webs galegas. Tamén un 12,5% son dos que consideran que o idioma é "un dos principais problemas do uso de Internet". Os estudos dos que foron tomados os datos non concretan máis este aspecto, pero podería indicar a demanda de máis contidos e servizos en lingua galega, segundo o Observatorio da Cultura.