Medio cento de proxectos desenvolveranse co apoio do programa TeCe Redes

Trátase de iniciativas dixitais e presenciais para promover a transmisión xeracional da lingua

TeCe Redes, o novo programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se desenvolve ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021/22 completou a selección dos seus proxectos. Esta iniciativa desenvolveu unha convocatoria orientada a "crear un repositorio de proxectos dixitais e de servizos presenciais que nutran" os programas de dinamización da Secretaría dirixidos "á poboación nova e de transmisión xeracional da lingua galega".

Nas listaxes de propostas seleccionadas, que se fixeron públicas na penúltima semana de xuño, dotáronse con cantidades próximas aos 10.000 euros un total de 22 proxectos de carácter dixital e outros 30 que se desenvolven de xeito presencial. No primeiro apartados atópanse videoclips como o da Ukestra do Medio ou Aldaolado, libros ilustrados, contidos adiviñas ou unha clase maxistral de Luís Emilio Batallán, entre outras propostas.

No caso das iniciativas presenciais, na listaxe abundan propostas escénicas da man de Talía Teatro, Fantoches Baj, Títeres Cachirulo, Elefante Elegante, A Xanela do Maxín ou Producións Teatrais Excéntricas. Tamén concertos de Magín Blanco, Paco Nogueira, Maimiñas ou Vizcaíno, obradoiros de xogos de mesa, circo ou danza tradicional.

Os recursos dixitais seleccionados "ofreceranse gratuitamente a través das plataformas dixitais, páxinas web, redes sociais e medios de comunicación públicos", segundo explica a convocatoria do programa, mentres as propostas presenciais "desenvolveranse en espazos públicos, abertos ou pechados, a través dos circuítos culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (Rede de bibliotecas públicas, Rede de museos e de arquivos, instalacións e salas de exposicións da Cidade da Cultura), dos concellos e entidades que conforman a Rede de dinamización lingüística e dos centros educativos de Galicia". A convocatoria contou cun orzamento máximo de 200.000 euros para proxectos dixitais e de 300.000 para presenciais.