A Festa da Palabra homenaxeará ao colectivo Brais Pinto

González Tosar reivindica o fondo peso dos integrantes na evolución da cultura galega contemporánea

González Tosar reivindica o fondo peso dos integrantes na evolución da cultura galega contemporánea
Ilustración de Reimundo Patiño para "O home que falaba vegliota,"
O vindeiro 16 de xullo terá lugar unha nova edición da Festa da Palabra na Insua dos Poetas (O Carballiño) e neste caso o evento servirá para facer unha homenaxe ao colectivo cultural Brais Pinto. A que será a XVI Festa da palabra organizada desde a Fundación Insua dos Poetas dedicará a súa xornada a lembrar e poñer en valor a existencia e actividade dese colectivo e espazo de creación e activismo fundamental na defensa da cultura galega durante a ditadura franquista. Así o comunicou o presidente da fundación, Luis González Tosar na reunión preparatoria que tivo co presidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar.

Brais Pinto creouse en 1958 arredor de nove galegos residentes en Madrid, todos eles estudantes universitarios ou traballadores preocupados pola situación de Galicia. Entre eles estaban nomes referencias da cultura galega do século XX como os ourensáns Xosé Luis Méndez Ferrín (Ourense, 1938); Xosé Ramón Fernández-Oxea "Ben-Cho-Shey" (Ourense, 1896 - Madrid, 1988); Bautista Álvarez (San Amaro, 1933 - Beariz, 2017) e Xosé Fernández Ferreiro (Nogueira de Ramuín, 1931 - A Coruña, 2015). Ademais, completaban o grupo Bernardino Graña (Cangas, 1932); Ramón Lorenzo (Ames, 1935); Reimundo Patiño (A Coruña, 1936- A Coruña, 1985); Xosé Alexandre Cribeiro (Pontevedra, 1936 - Pontevedra, 1995); Herminio Barreiro (Sanxenxo, 1937- Santiago, 2010) e César Arias (Ribas de Sil, 1932 - Madrid, 2021). O grupo como colectivo está considerado como un dos grandes defensores da cultura galega durante a ditadura franquista, a través de proxectos artísticos que desembocaron nun interesante espazo propio de reflexión e de activismo cultural a prol da evolución da identidade cultural galega.

"Todos tiñan unha preocupación común, a defensa da lingua e cultura galega", remarca Luis González Tosar, que sitúa como clave a figura de Ben-Cho-Shey: "O colectivo mantivo a conexión coas xeracións anteriores, co galeguismo do primeiro terzo do século XX, a través de Ben-Cho-Shey. El foi o enlace dos mozos coa Xeración Nós, con Otero Pedrayo, con Risco, con Cuevillas. O seu papel foi fundamental para orientar ó grupo, promovelos e agarimalos, nun contexto tan agresivo para a cultura galega". González Tosar reivindica o fondo peso dos integrantes de Brais Pinto na evolución da cultura galega contemporánea: "Méndez Ferrín ou Bernardino Graña na literatura, Reimundo Patiño nas artes plásticas, Ramón Lorenzo na filoloxía, Cribeiro no audiovisual, Herminio Barreiro na pedagoxía... todos eles son individualidades moi potentes, que destacaron e que estiveron unidos traballando pola cultura galega". O presidente da Fundación Insua dos Poetas avanza que coa homenaxe colectiva a todo este grupo de intelectuais apostan "por reivindicar a un grupo de mozos que, en plena Ditadura, foron quen de unirse para promover edicións -por exemplo, do primeiro libro de poemas de Otero Pedrayo, "Bocarribeira"- e outras actividades importantes de resistencia naquel tempo tan represivo".