A Agadic e o sector acordan as primeiras medidas do Plan de Danza

Máis programación e difusión, residencias artísticas, profesionalización ou apoio ao talento son algunhas das propostas

A Cidade da Cultura en Santiago de Compostela acolleu neste 21 de xuño o encontro da mesa de coordinación do Plan Integral para a Danza de Galicia. Este organismo conta con representantes da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) canda a membros dos colectivos Escena Galega, Rescat-Arte, a Plataforma Artes do Movemento e a Plataforma da Danza Galega, así como salas de artes escénicas, festivais e responsables de programación.

O encontro deu para acordar as primeiras medidas que farán parte do futuro plan nun documento consensuado que recolle prioridades para o sector identificadas e escolleitas en sesións de traballo previas. Así, entre os obxectivos do vindeiro plan está o impulso da exhibición desta arte no noso país, así como o desenvolvemento de programas de residencias artísticas. Tamén se acordou a vindeira revisión das bases das subvencións e de coproducións, ademais da "ampliación dos obxectivos do Centro Coreográfico Galego cara a intensificar as colaboracións nacionais e internacionais".

Propostas para incrementar a profesionalización do sector e a súa visibilización do ámbito rural, apoios para favorecer a heteroxeneidade de linguaxes e o talento emerxente ou a creación de actividades de mediación son outras das accións recollidas. Tamén se incide neste documento na necesidade de lograr unha maior difusión da danza e das artes do movemento nos medios de comunicación, e adiántase a reactivación da campaña de declaración do baile tradicional galego como Ben de Interese Cultural.

Logo da elaboración deste documento iniciarase agora unha fase de traballo mediante grupos de traballo específicos para avanzar na redacción definitiva das liñas e obxectivos estratéxicos no Plan Integral de Danza.