Nace unha asociación sen ánimo de lucro para dar a coñecer os artistas galegos no mundo

Das-artes

Expoñer a arte galega tanto en Galicia coma fóra e traer artistas estranxeiros. Este é o triple obxectivo dun colectivo acabado de nacer que se chama Dasartes. Aínda que poida parecer igual a tantas e tantas outras asociacións, Dasartes é peculiar, porque é un colectivo sen ánimo de lucro que custea tanto as exposicións, como as montaxes como os catálogos das obras.

Das artes naceu da nada, do empeño do seu director, Xulio Villaverde por crear un vínculo artístico de Galicia con outras comunidades de fóra. Naquelas orixes eran un grupo mínimo. Foi a raíz dunha mostra en Lisboa cando varios artistas viron que era unha asociación diferente e decidiron agruparse baixo o nome “De Galicia Contemporánea”.

Intencións en dúas direccións


Dese xermolo naceron mostras como “Caminantes”, “A carón do mar” ou “Visual Galicia” que tiveron a súa sede en Lisboa e Braga e que actuaron de plataforma de lanzamento da asociación. “Quere ser unha organización galega e internacional sen ánimo de lucro que pretende dar a coñecer a arte galega en todas as súas vertentes, en todas as súas formas de traballo e no máximo número de lugares posibles no mundo”. Deste xeito explicaba Xulio Villaverde a “La Voz de Galicia” os obxectivos do grupo que capitanea. Pero esa declaración de intencións ten unha dobre dirección; xa non só dar a coñecer a arte galega en Galicia e no estranxeiro, senón tamén traer artistas de fóra a Galicia. Un proxecto de ida e volta.

Colectivo


Logo das mostras celebradas en Lisboa e Braga a asociación, que aínda está en trámites de constitución e de legalización, chegou a ter ata 70 creadores artísticos expoñendo ao amparo do paraugas da asociación.

Dasartes ten entre as súas preferencias exposición colectivas que permiten amosar o maior número posible de artistas, tanto os recoñecidos como os que aínda acaban de integrarse no sector. Entre a súa nómina figuran xente como Alberto Capo, Lucas Migues, Ánxeles Peñas e Manolo Celeiro. Pero nesa dobre dirección que apuntabamos antes, Dasartes tamén incorporará artistas lusos. Entre eles hai nomes como Antonio Afonso, Alexandra Mezquita ou Gina Flor, que xa teñen programadas exposición na Coruña, Lugo e Culleredo.

Entre os seus proxectos futuros, a través dos que se darán a coñecer, está a exposición “Camiño de Nadir, Camiño de Santiago” que se estreará a propósito do ano Xacobeo e que consiste nunha mostra itinerante de diversos artistas galegos e portugueses.

Vocación de ONG


A principal particularidade que ten Dasartes como colectivo é a súa forma de xestión económica. Se un dos seus obxectivos é chegar a diferentes comunidades e países, para levar a cabo todas estas ideas precísanse cartos. E isto faise co que eles chaman “custo cero”. O transporte das obras, a montaxe das exposicións e os catálogos de cada mostra son financiados entre todos os artistas que exhiben en cada exposición. De feito, Xulio Villaverde ten afirmado que “nós non queremos diñeiro, só que se nos pague o catálogo”. Con esta filosofía, a asociación non conta con tesoureiro, senón cunha vicepresidenta, que é a artista Sabela Baña e cun secretario, que é Xavier González.