'O libro dos corazóns rotos' é o título da novela coa que Irene Rega Julpola (Cervo, 1996) ven de facerse co Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos. Esta primeira novela en galego de Irene Rega, mestra de educación primaria, é un 'thriller' ambientado en Viveiro vontade clara de facer un retrato realista do momento actual, tanto no tratamento de diferentes temas como na construción dos personaxes. O xurado desta sexta edición do premio decidiuse por esta obra de xeito unánime "pola súa solvencia narrativa, pola historia que atrapa dende o primeiro capítulo e polo tratamento de moitos temas de plena actualidade dende o seu cuestionamento". O xurado, composto por Ana Abelenda, Marcos Calveiro, Inma Otero, Blanca Riestra, Abel Tomé e Malores Villanueva destacou a súa prosa áxil e o control do ritmo narrativo dende o inicio ata o vertixinoso final da obra, Segundo o xurado, Irene Rega consegue, cunha linguaxe coidada, pero moi directa, transmitir un fondo desacougo no tratamento dun tema tan delicado como o do acoso escolar. A autora arrisca no seu desenvolvemento e na denuncia social da sociedade contemporánea. O Premio Illa Nova convocado pola Editorial Galaxia, en colaboración co Ámbito Cultural de El Corte Inglés está dotado con 3.000 euros para a obra gañadora.