A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) ven de conceder o Premio RAGC de Divulgación Científica 2022 ao químico Manuel Luis Casalderrey García (A Coruña, 1941). A Academia recoñece así a súa "ampla e frutífera traxectoria persoal no eido da divulgación científica en Galicia, particularmente a publicación regular desde o ano 1989 no xornal La Voz de Galicia de artigos de divulgación científica sobre temas de candente actualidade e ámbito moi diverso". O xurado desta edición estivo composto polos académicos da RAGC Ángel Carracedo, que actuou como presidente; Minia Manteiga como secretaria; ademais de Antonio Ballester, Antonio Rigueiro e José Ramón Cancelo.
Manuel Casalderrey licenciouse en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago. No plano docente traballou en diferentes lugares e áreas, comezando no ensino público en Teruel e rematando antes da súa xubilación como catedrático de Física e Química no Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra en 2011. Ademais, foi director adxunto do Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago. O galardoado é columnista no xornal La Voz de Galicia desde o ano 1989, publicando artigos de alto interese científico e divulgativo. A súa traxectoria no ámbito da divulgación inclúe máis dunha ducia de libros de temática diversa, na súa maioría relacionados coa Química na vida cotiá. É o caso da publicación Láseres, emisores de luz especial, pola que recibiu o Premio Prisma a Textos Inéditos da Casa de las Ciencias. En 2021 publicou 'Química, benefactora de la humanidad', no que relata todas as aportacións da Química para mellorar o noso día a día, en particular á Medicina, pero tamén a outros eidos como o das novas tecnoloxías, os elementos construtivos,etc. Recibiu así mesmo múltiples recoñecementos ao seu labor como divulgador da ciencia, en especial o Premio Nacional de Investigación e Innovación Educativa do Ministerio de Educación e Ciencia ou o Premio Giner de los Ríos, entre outros. Toda esta traxectoria faino merecedor do premio da RAGC, que o enxalza como "figura senlleira da divulgación da ciencia en Galicia".