Morre o escritor vigués Domingo Villar

Faleceu esta mañá no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo

Faleceu esta mañá no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
O escritor Domingo Villar. Foto: Elena Palacios / Sirueal
De xeito inagardado, o pasado luns coñecíase a noticia do infarto cerebral do escritor vigués Domingo Villar. Ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro da cidade de Vigo, Villar faleceu hoxe pola mañá, con só 51 anos. O mundo da cultura acolleu con gran pesar a noticia da súa morte a través das redes sociais e comunicados. Desde as súas editoriais Galaxia e Siruela ata numerosas voces da literatura ou das artes expresaron o seu pesar pola morte do escritor.


Villar (Vigo, 1971) era un dos escritores de máis impacto internacional da literatura galega. As súas novelas Ollos de auga (2006)e A Praia dos Afogados (2009) foran traducidos a varias linguas europeas como o castelán, inglés, alemán, italiano, francés ou o suecos. A praia dos afogados tame´n fora levada ao cinema polo director Gerardo Herrero en 2014. A súa derradeira novela foi O último barco (2019): unha entrega moi agardada que chegara a converterse nunha especie de mito no mundo cultural polo que se levaba agardado por ela. Villar tamén exercera o xornalismo deportivo e gastronómico en medios madrileños. Residía na cidade desde había 30 anos.

Villar foi o popularizador de Vigo e a súa ría como un espazo literario vinculado á novela negra. O seu enorme éxito de público, tanto nas edicións galegas das novelas como nas súas traducións en castelán, dotouno dunha gran popularidade e participaba con frecuencia en numerosos foros literarios e entrevistas. As súas novelas negras, protagonizadas polo inspector Leo Caldas, crearon un estilo propio herdeiro da tradición clásica da novela negra e manténdose firme malia as tendencias oscilantes do sector.