A Deputación da Coruña fai públicos os proxectos do Fondo Reino de Galicia

As iniciativas achéganse á historia medieval galega desde diferentes perspectivas

A Deputación da Coruña fixo públicos os 20 proxectos que serán premiados dentro do Fondo Reino de Galicia da Deputación da Coruña. Os proxectos contan cun custe de ata 12.500 euros ata completar os 250.000 euros da partida global e supoñen unha achega moi diversa en formatos á historia medieval galega. Entre as propostas, atopamos espectáculos, webs, roteiros, animación ou mesmo coleccionables. Entre os proxectos, O Cable Inglés fará unha proposta de 12 pezas audiovisuais en formato audiovisual para a difusión nas redes, Trivium realizará un sitio web sobre castelos e fortalezas da provincia da Coruña chamado FOREGA (Fortalezas do Reino de Galicia) e a Central Folque desenvolverá un proxecto literario e editorial a cargo de Alba Cid e Estevo Creus versionando a literatura medieval e a figura literaria do rei Ponto. Orgullo Galego S.L. presentará todo un programa de creación de contido en diferentes plataformas e Sermos Galiza ofrecerá un coleccionable de 34 fascículos acompañado dun podcast, un banco de datos e 8 roteiros culturais. Estes son algúns dos exemplos. Na ligazón da Deputación da Coruña pode consultarse o listado completo.