A exposición 'O inefable' busca os nexos ocultos nas creacións artísticas

O diálogo de Chelo Rodríguez e Fernando Carballa pretende desvelar as esencias das obras

Segundo o dicionario, descríbese co adxectivo inefable aquilo que, polas súas características, non se pode expresar con palabras. Arredor desta definición constrúese a exposición 'O Inefable' que está arestora no Pazo de Cultura de Pontevedra asinada por Chelo Rodríguez e Fernando Carballa. No diálogo entre ambos a través das súas obras preténdese amosar, segundo a comisaria Lola Varela "a mensaxe oculta que aparece tras a contemplación da obra, aquilo do que fala o artista e que resulta ser a esencia mesma da devandita obra. É a comunicación entre o interior (o artista) e o exterior (o espectador)". O nexo que se crea entre eles desvela esa esencia. A mostra permanecerá na sala de exposicións do espazo pontevedrés ata o 17 de xullo.

Mentres Rodríguez emprega espazos interiores, cheos de luz e de cor, coa presenza constante e desacougante de diferentes cadeiras como metáforas, Carballa xoga a desvelar a materia e, nesta ocasión, preséntanos o misterio a través da livián e suxestiva porcelana, máis tamén coa forza primixenia do barro. Con todo, comparten nesta mostra das súas obras a súa atracción pola figura humana, quer coas diversas representacións de cabezas que nos atrapan nun mundo simbólico e conceptual, propio de Fernando Carballa, quer cos atractivos manequíns cheos de vida e movemento, de xeito aparentemente contraditorio, que nos mostra Chelo Rodríguez.
Ligazóns